Goretti Sanmartín sinala o “abandono de Santiago de Compostela nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021”

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin
Defende incrementar a partida para o Consorcio co fin de rehabilitar vivendas para recuperar poboación nova residente na Cidade Histórica
Goretti Sanmartín sinala o “abandono de Santiago de Compostela nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021”

Empraza o alcalde a que faga chegar as propostas necesarias para Compostela ao ministro de Fomento

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020.- A portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Goretti Sanmartín, destacou o “abandono de Santiago de Compostela” no anuncio das partidas incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado en 2021 e avanzou que o BNG presentará emendas para que o Goberno de Pedro Sánchez dote de maior contía económica e “considere as necesidades básicas da veciñanza da capital de Galiza”.

Como aspecto positivo, destacou a rebaixa conseguida para as peaxes da AP-9, froito do acordo de Investidura do PSOE co BNG e do esforzo das xestións realizadas con posterioridade, “o que supón un primeiro paso do traballo de cara a conseguir a súa gratuidade, posto que é unha vía que conecta cidades e coarta a economía de milleiros de traballadores e traballadoras que se ven na obriga de usala ao carecer de alternativa en boas condicións para transitar”.

Porén, “a cantidade de 832,24 millóns de euros destinada ao conxunto do país nestes Orzamentos é insuficiente e relega as posibilidades de crecemento e impulso económico que precisa Santiago de Compostela”, advertiu.

Sobre a achega de 4,5 millóns de euros destinada ao Consorcio da Cidade, que iguala a cantidade de exercicios anteriores, destacou que o BNG reclamará unha maior partida “que permita centrar o investimento en dotar de servizos e rehabilitar vivendas, coa mellora da insonorización, da accesibilidade e da eficiencia enerxética, para recuperar poboación nova residente na Cidade Histórica”.

Goretti Sanmartín subliñou a necesidade de incluír as obras de humanización da rotonda de Conxo, “un asunto pendente desde hai varias lexislaturas e que contou co compromiso de diversos ministros que viñeron facerse a foto sen materializar as melloras deste proxecto”. “É un tema de vital importancia, posto que o túnel de Conxo deixou o barrio roto, con problemas de ruídos por falta de pantallas de insonorización, de canalización para a recollida de pluviais, de mobilidade e de inseguranza peonil, ademais de carecer dunha estética integrada na paisaxe urbana”, sinalou a portavoz municipal do BNG.

Sobre a estación intermodal, considera necesaria a revisión do convenio para eliminar a cláusula que condiciona a súa construción aos 3,5 millóns de pasaxeiros/as, unha cifra aínda máis difícil de alcanzar coa pandemia da covid-19. Ademais, explicou que o BNG está a realizar xestións para que, tanto ADIF como a Xunta, fagan efectivo o acordo para a denominación da estación intermodal “Daniel Castelao” para integrar no propio deseño a súa tipografía, obra gráfica e dispor no seu interior dunha exposición permanente para dar a coñecer o seu labor neste punto de encontro para milleiros de visitantes á capital de Galiza. Por iso considera que se debe incluír unha partida nos Orzamentos Xerais do Estado para que sexa unha realidade.

Tamén bota en falta fondos para a recuperación e o plan de usos da vella terminal da Lavacolla, que o BNG propón que se destine a actividades de formación aeronáutica, hangares e talleres de reparación, que poden xerar postos de traballo e actividade económica para Santiago.

A construción da estación de mercadorías da Sionlla é outro dos temas que non aparecen nestes Orzamentos Xerais do Estado, que recupera o seu interese coa posta en marcha do polo de innovación en biotecnoloxía e madeira ‘Sionlla Biotech’ para fortalecer o futuro industrial da cidade e reter en Galiza o talento da mocidade investigadora con vinculación á Universidade e ao ámbito empresarial.

O BNG esixe que as partidas destinadas á estación depuradora de augas residuais e á estación intermodal sexan incluídas nos fondos europeos de recuperación da pandemia, que teñan efectividade “o máis axiña posíbel e que non supoñan en ningún caso a devolución en forma de préstamo das cantidades por parte da veciñanza”.

 

Goretti Sanmartín sinala o “abandono de Santiago de Compostela nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021”