O BNG considera que a sanción de 1.500 euros a locais da praza de abastos polo canon de limpeza resulta “desproporcionada”
Os postos que pecharon nos meses de confinamento da pandemia non pagaron este canon previa comunicación á xerencia
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021.- A portavoz nacionalista en Raxoi, Goretti Sanmartín, anunciou que o BNG vai pedir unha aclaración sobre a sanción que lle está chegando a persoas da praza de abastos, concretamente do ámbito de restauración, que deixaran de pagar o canon de limpeza nos meses da pandemia en que estiveron totalmente pechados por mor do confinamento.
Despois de falar coa xerencia da praza de abastos e decidir non pagar ese canon, posto que non estaban facendo uso do servizo de limpeza, chégalles un expediente sancionador de 1.500 euros, explicou Goretti Sanmartín, “que resulta unha cantidade desproporcionada sobre o propio canon e non se entende que saia dun Concello que di querer axudar a persoas do ámbito da hostalaría e da praza de abastos, cando practica o contrario”.
Lembrou que o alcalde de Santiago, durante o período de confinamento, instou a propietarios/as de locais a ter sensibilidade e condonar o alugueiro a inquilinos/as para evitar o peche de estabelecementos no futuro.
“A política que practica o Concello de Santiago cos postos da praza de abastos é xusto a contraria”, indicou, “por non pagar o canon deses meses de confinamento previa comunicación á xerencia, sen ningún tipo de diálogo por parte da Alcaldía tramítase un expediente sancionador”.
“Entendemos que esta sanción é unha absoluta desproporción e non é a maneira de axudar a praza de abastos, comercio e hostalaría”, indicou Goretti Sanmartín.