O BNG convida a participar nun acto sobre a compostaxe na Gentalha do Pichel
Organiza tamén unha visita a Allariz para coñecer o seu modelo alternativo de aproveitamento de residuos orgánicos
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2016.- O BNG organiza a charla Compostaxe a pequena e mediana escala para dar a coñecer proxectos pioneiros na xestión de residuos en Galiza. A cita será este xoves 19 de maio ás 20:30 na Gentalha do Pichel (rúa de Santa Clara, 21) en Santiago de Compostela.
No acto intervirán Carlos Pérez, experto en xestión de biorresiduos, que explicará o proxecto Revitaliza, o modelo de compostaxe da Deputación de Pontevedra; e María R. Lafuente, vogal de residuos de Adega sobre A compostaxe na práctica adaptada ao modelo de poboación.
Ademais, o sábado 21 está prevista unha visita a Allariz para coñecer o proxecto RE: a compostaxe a todos os niveis, con Xosé M. Romero, técnico municipal. A saída será ás 10:00 da Facultade de Bioloxía. As persoas interesadas en participar poden anotarse en [email protected]
No proxecto de Allariz están en marcha 24 áreas de compostaxe comunitaria co obxectivo de acadar taxas de reciclaxe do 80% para o que é preciso depositar a materia orgánica cuberta de restos de poda. Este proxecto integral de tratamento de residuos está articulado no principio de proximidade, na compostaxe caseira e comunitaria. Para gran produción, utilízase o método do porta a porta que recolle a materia orgánica para trasladala á máquina de tratamento instalada nun parque empresarial da zona.
No caso do programa da Deputación de Pontevedra, explicarase o proxecto de instalación de plantas de tratamento biolóxico e o impulso da compostaxe comunal, unha alternativa máis económica e ecolóxica ao actual sistema de recollida e tratamento da maior parte dos municipios. O fundamental deste sistema é a participación dos concellos e da veciñanza para a separación correcta dos residuos domésticos. Así, a entidade provincial implanta a compostaxe comunitaria para darlle servizo a pequenos grupos en puntos estratéxicos de vilas e cidades e a individual para as vivendas asentadas en zonas dispersas. Ademais, crearanse postos de traballo para o mantemento das instalacións de compostaxe comunitaria.
No acto explicarase que preto da metade do lixo doméstico é materia orgánica que non se separa nin aproveita de xeito conveniente e vai parar á incineradora o que, ademais de xerar problemas coa emisión de gases, representa unha malversación de recursos. A parte húmida do lixo pode separarse para ser transformada nun produto útil: un fertilizante natural para a terra chamado compost, que se pode reintroducir na contorna próxima, nos espazos públicos ou nas hortas, para pechar o ciclo da materia orgánica. De cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense arredor de 20 de compost, sen gastos de mantemento e require 10 minutos á semana de dedicación en cada vivenda.