Goretti Sanmartín proporá no Pleno elaborar unha ordenanza para o impulso social da lingua galega
Empraza o alcalde a activar o Consello municipal de normalización lingüística, que non se reuniu neste período nin nos catro anos anteriores
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2016.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei presentou unha proposición que defenderá no vindeiro Pleno para promover e dignificar a lingua galega mediante a activación do Consello municipal de normalización lingüística e a elaboración dunha ordenanza para o seu impulso social que substitúa o actual regulamento e se adapte ás novas realidades.
Santiago de Compostela sempre foi un referente na normalización lingüística, en desenvolver normas e acordos para promover e conseguir que socialmente a lingua galega avanzase, explicou en rolda de prensa. Goretti Sanmartín lembrou, así, o regulamento de uso do galego na administración local do 1988, o carácter pioneiro da declaración de alcaldes realizada en Santiago de Compostela en 1984, o Plan de normalización lingüística e o Consello municipal de normalización, ademais de ser Santiago de Compostela unha das cidades que ten máis uso do galego espontáneo no ámbito urbano. Mais os datos estatísticos indican que existe un descenso acelerado do uso do galego, igual que no resto do país, sobre todo na poboación máis nova, engadiu.
Para que Santiago continúe a ser un referente, estas normas xerais precisan camiñar cara a unha ordenanza de usos moito máis específica, desenvolvida e actualizada. Así, lembrou que no programa do grupo de goberno está actualizar as normas do uso do galego e, entre os seus obxectivos, o incremento do número de falantes en galego.
Referiuse tamén á necesidade de actualizar as normas para conseguir reactivar socialmente os usos da lingua galega con programas dirixidos ao conxunto da poboación, entidades asociativas, empresariais para conseguir que se fomente o uso do galego na transmisión interxeracional, no comercio, na onomástica, nas novas tecnoloxías, no lecer, na sanidade, no asociacionismo... Para iso está o Consello municipal de normalización lingüística que se aprobou o 28 de setembro do ano 2000 cunha reunión prevista cada 6 meses, concretou. Deste xeito, emprazou o alcalde a activar o Consello municipal de normalización lingüística para buscar a integración do tecido social e a súa participación. Lembrou, ademais, que este consello non se reuniu neste período nin nos catro anos anteriores.
A iniciativa do BNG que se debaterá na próxima sesión plenaria incide na necesidade de coidar a calidade e corrección lingüística en textos, documentos e comunicacións do Concello, á parte de usar unha linguaxe inclusiva, con fórmulas non sexistas axeitadas.
Ademais, Goretti Sanmartín Rei animou a veciñanza de Compostela a participar na manifestación que partirá o 17 de maio ás 12:00 da alameda convocada pola plataforma Queremos Galego.