O BNG agarda que Compostela Aberta non se atreva a desmantelar a Oficina de Rehabilitación"
Ademais dos postos de traballo, pon en xaque a xestión de máis de 800.000 euros en axudas de fondos externos
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela agarda que Compostela Aberta non se atreva a desmantelar a Oficina de Rehabilitación, como xa intentara o PP, xa que este traballo especializado non é asumíbel por outros departamentos municipais e mesmo se poderían comprometer as axudas das Áreas de Rehabilitación Integral.
A oficina municipal de rehabilitación encárgase da información, asesoramento técnico, tramitación de axudas que lle encomendan doutras administracións e funciona como Portelo Único da Xunta, do Ministerio de Fomento para a execución das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) -actualmente denominadas Áreas de Rehabilitación e Rexeneración Urbana (ARRUS)- e do Consorcio de Santiago.
Entre outros postos de traballo, están os de catro persoas encargadas das áreas de rehabilitación integral que son funcionarios interinos de programa, aos que lles remata o contrato o 30 de maio sen intención de renovalo por parte do Goberno local.
Cómpre lembrar que o PP intentou extinguir este servizo en decembro de 2014, daquela o BNG xa intercedeu para que non fose así, e conseguiuse unha prórroga por un ano e 5 meses que agora conclúe. Así, o BNG agarda que Compostela Aberta non se atreva a desmantelar a Oficina de Rehabilitación, como pretendera o PP cando tiña estaba no Goberno local.
Así, están en xogo axudas por importe de 52.080 euros na ARI de Pontepedriña, de 586.875 en Vista Alegre e de 178.096 no Casco Histórico. Do mesmo xeito que os 150.000 euros destinados a axudas para a rehabilitación de carpinterías do Consorcio.
Rubén Cela demandou explicacións por parte do Goberno local ao tempo que lle esixiu unha rectificación para non poñer en perigo estas axudas nin os postos de traballo que contribúen a manter a cidade declarada Patrimonio da Humanidade.