O BNG propón retomar as actuacións do convenio de urbanización de travesías nos accesos a Compostela
O convenio entre a Xunta e o Concello de Santiago aprazara as obras da travesía entre a Ponte do Romaño e a avenida Castelao
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago requirirá no vindeiro Pleno que se inicien conversas coa Xunta para retomar e executar o proxecto construtivo das obras de reurbanización nas contornas de acceso a Compostela.
A travesía entre a Ponte do Romaño e a avenida de Castelao estivo incluída, entre outras vías, dende setembro de 2007, nun convenio de colaboración entre a extinta Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Santiago para realizar as actuacións de contornas urbanas nos viarios da cidade.
Deste xeito, en novembro de 2008 a Xunta de Goberno local adxudicou o servizo de redacción dese proxecto construtivo. Logo dalgunhas modificacións, en 2010, a comisión de seguimento do convenio eliminou este tramo e propuxo adialo a 2012, mais na actualidade aínda non se retomaron as actuacións que quedaran postergadas.