O BNG advirte, no Día de Europa, do fracaso da política migratoria
Propón aplicar as demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas
Alerta da desaparición de máis de 10.000 nenos e nenas e dos abusos sexuais de centos de mulleres refuxiadas
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago rexistrou unha moción, en conmemoración do Día de Europa, para advertir do fracaso da política migratoria tan afastada dos valores fundacionais da UE e para propor aplicar as demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.
Con esta iniciativa pretende dar a coñecer que máis de 60 millóns de persoas seguen saíndo das súas casas en países como Siria, Afganistán, Iraq, Palestina, Eritrea, Nixeria ou Somalia para fuxir da guerra, da fame ou da violencia sexual. Escapan de conflitos provocados por intereses xeoestratéxicos e económicos que promoven o espolio de riquezas e a venda de armas. O mar Mediterráneo e as fronteiras europeas son as fosas comúns nas que miles de persoas perden as súas vidas: máis de 4.000 en 2015; 400 a pasada semana. Ademais da desaparición de máis de 10.000 nenos e nenas e dos abusos sexuais de centos de mulleres refuxiadas. Mentres tanto, os gobernos europeos actúan dun xeito inmoral.
O pasado mes de setembro a Unión Europea comprometeuse a acoller máis de 120.000 persoas refuxiadas, 17.000 no Estado español. En cambio, no Estado español só se acolleron 12 persoas até agora. A propia Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) decidiu denunciar o acordo UE-Turquía ante a Comisión Europea, O Consello de Europa e o Defensor do Pobo Europeo pola vulneración dos dereitos das persoas refuxiadas.
Así, o BNG reclamará do Pleno mostrar o seu máis firme rexeitamento á UE e Turquía co obxectivo de garantir rutas legais e seguras sen condicións, baseada no asentamento incondicional de persoas refuxiadas cun número de prazas suficientes e nunha vontade política dos países da UE para que os sistema de colocación respecte os dereitos humanos. Esixirá tamén o cumprimento dos convenios internacionais e as directivas e lexislación europeas en materia de asilo e refuxio. As persoas solicitantes de asilo teñen dereito a procedementos de asilo individualizados e con todas as garantías e o respecto dos dereitos humanos nas fronteiras e garantía na protección das persoas, en especial as menores e as máis vulnerábeis.
Así, demandará aprobar unha declaración que recolla as demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas para instar a outros niveis de goberno a facilitar o empadroamento das persoas refuxiadas que cheguen ao municipio. Reclamará tamén que se actúe sobre os problemas de orixe con medidas para loitar contra a desigualdade, reducir a pobreza e previr os conflitos armados nas zonas de orixe, ademais de esixir que se cumpra rigorosamente co Tratado de Comercio de Armas, entre outras.