O BNG propón repetir o espectáculo audiovisual das Festas do Apóstolo durante unha semana
Este feito permite que milleiros de persoas máis poidan contemplalo e un maior rendemento do seu custo
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha iniciativa destinada a que se inclúa na programación das Festas do Apóstolo a repetición do espectáculo de luz e de son do día 24 de xullo durante unha semana.
Un dos momentos máis agardados das Festas do Apóstolo é o espectáculo pirotécnico e audiovisual da noite do 24 de xullo. Mentres os efectos de pirotecnia poden ser contemplados por un maior número de persoas ao ser visíbel dende diferentes puntos da cidade, o espectáculo de luz e de son está reservado a uns poucos e poucas privilexiadas que poden acceder esa noite á praza do Obradoiro.
A repetición do espectáculo audiovisual durante os días de festa, toda vez que o gasto maior é na súa creación, contribuiría a obter un maior rendemento do investimento, dado que un maior número de persoas, especialmente de Santiago de Compostela e da comarca, poderían gozar del ao tempo que o sector da hostalaría se vería favorecido pola concorrencia de público á zona vella.