Goretti Sanmartín reivindica que o Consorcio da Cidade de Santiago use o galego nas publicacións
A función de conservación do patrimonio e da cultura que impulsa o Consorcio da Cidade non pode ser allea á promoción da lingua galega, explica
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016.- A concelleira Goretti Sanmartín cuestionou a política lingüística do Consorcio da Cidade de Santiago, presidido polo alcalde Martiño Noriega, no referido á reiterada práctica de negar o idioma galego nas súas publicacións. Así, reivindica que os libros que edita o Consorcio da Cidade e a documentación desta entidade estean en galego.
O último exemplo é a presentación do libro Los orígenes de Compostela. Una historia dibujada, cunha versión en castelán e en inglés.
Para a concelleira, a función de conservación do patrimonio e da cultura que impulsa o Consorcio da Cidade non pode ser allea á promoción da lingua galega e máis tendo en conta que o público destinatario maioritario destas publicacións é galego.
Goretti Sanmartín lembra que é función dos poderes públicos potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, cuestión que o Consorcio da Cidade incumpre de xeito reiterado tanto na documentación como nas publicacións.