O BNG cualifica de raquíticos os orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela
Rubén Cela e Ana Pontón cuestionan que a maior parte vaia destinada á Cidade da Cultura que vive de costas á realidade veciñal, cultural e asociativa de Santiago e do país
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2015.- O BNG cualificou os orzamentos da Xunta para 2016 como malos no papel, pero aínda serán peores na súa execución práctica, porque son das contas máis raquíticas e peor presentadas polo Goberno galego para Santiago de Compostela nos últimos anos. Non deixa de ser casual que o investimento maior sexa para a Cidade da Cultura, cando segue vivindo de costas á realidade veciñal, cultural e asociativa da cidade e do conxunto do país, afirmou Rubén Cela, portavoz municipal nacionalista en Raxoi.
A deputada Ana Pontón afirmou, en rolda de prensa, que estes orzamentos aparecen trufados de mentiras, de ficción e teñen pouca credibilidade, nun contexto de precampaña en que o PP utiliza as contas como un instrumento electoralista. O BNG está en contra deste modelo fiscal do PP por ser regresivo e inxusto provocar que as rendas dos traballadores e das traballadoras teñan un gravame máis alto, mentres as rendas máis altas teñen unha fiscalidade cativa.
Para o BNG, o principal problema deste país é o paro e estes orzamentos reflicten como en 2016 vai diminuír a poboación activa e iso é o maior fracaso da política económica de Feijóo, ademais de constatar que é incapaz de executar os recursos consignados no propio orzamento. Referiuse tamén a que no gasto social estes orzamentos consolidan os recortes e reiteran un modelo fracasado que representa a fin do ciclo político de Feijóo e do PP.
No caso concreto de Santiago, continúan unha senda nefasta que certifica os incumprimentos coa cidade, indicou, por exemplo, a Variante de Aradas é un espectro que percorre os orzamentos ano tras ano e nunca se acaba de concretar. A deputada fixo referencia tamén á falta de rigor do Goberno da Xunta coa desaparición da partida para a Escola Oficial de Idiomas. O único investimento relevante é a Cidade da Cultura un burato negro que absorbe 9 millóns de euros de recursos públicos, que significa que cada día que abre ese edificio cústanos aos galegos e galegas uns 25.000 euros, unha cifra moi elevada que precisa unha reconsideración do destino destes recursos públicos e da súa utilidade para o país, indicou.
Pola súa parte, Rubén Cela afirmou que son os peores orzamentos da Xunta de Galiza para Santiago dos últimos anos, porque cada ano se afastan máis do que realmente precisa e merece a capital de Galiza. Así, fixo referencia a que só aparecen dous investimentos novos para Santiago de Compostela; 1 millón de euros para a Facultade de Medicina e 600.000 euros para o acondicionamento do Monte do Gozo, logo do desleixo e abandono da Xunta con este equipamento.
Así, indicou que son testemuñais as partidas da Variante de Aradas e da estación intermodal. En canto á conxelación das contías para o Estatuto de Capitalidade de 2,325.000 afirmou que está moi debaixo de partidas de épocas pasadas e supón menos da metade do que estimou o profesor Caramés sobre os custos da condición de capitalidade de Santiago; hai un incumprimento concreto dun compromiso a respecto da revisión á alza desta partida para o exercicio de 2016. No caso do Consorcio da Cidade de Santiago, conxélase a partida de 1,184.413 euros en transferencias correntes e de capital o que supón un problema para este organismo.
O BNG bota en falta medidas específicas para reformas estruturais en centros educativos de Santiago de Compostela, explicou, do mesmo xeito que dotación de novas prazas para escolas infantís públicas e para centros asistenciais para persoas maiores, tanto residenciais como centros de día, así como investimentos comprometidos como a Escola Oficial de Idiomas e o Conservatorio de Música, entre outras promesas.
Ademais, reclamou políticas de vivenda posto que dende que entrou o PP no Goberno da Xunta investiu cero euros en vivenda de protección pública e unha partida específica para Xoán XXIII porque non aparece, nin sequera, a suposta permuta con Lamas de Abade.
Outra carencia importante ten a ver co saneamento porque, á parte de desaparecer a contía prevista da estación depuradora de augas residuais para 2016, Santiago queda excluído das partidas para saneamento que aínda está pendente de concluír.
Sobre a valoración positiva de Martiño Noriega destes orzamentos, a preguntas de xornalistas, Rubén Cela afirmou que o alcalde se conforma con ben pouco, porque esta cidade merece algo máis e el debería ser o primeiro en reivindicalo, porque existía un compromiso do presidente da Xunta para revisar á alza a partida do Estatuto de Capitalidade para 2016; non hai partidas novas máis alá da Facultade de Medicina e estas contas non deberían ser motivo de satisfacción para o alcalde e, dende logo, para o grupo municipal do BNG non o son.