O BNG pregúntalle ao alcalde cando vai aprobar o Plan Económico Financeiro, que está fóra de prazo
Require que este plan se aprobe en Pleno antes das ordenanzas fiscais
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2015.- O grupo municipal do BNG preguntoulle ao alcalde cando ten previsto aprobar o Plan Económico Financeiro, que legalmente debe presentar ao incumprir a regra do gasto incluída na Lei de Estabilidade imposta polo PP e en que medidas o vai fundamentar o Goberno municipal de Compostela Aberta.
No último Pleno, a concelleira de Facenda, a unha pregunta do portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, indicou que este plan estaba en fase de elaboración. Así, o BNG require que por parte do Goberno local se dea unha explicación das liñas que van orientar ese plan e esixe coñecelo antes da aprobación das ordenanzas fiscais, xa que unha cousa pode estar vinculada á outra. Lembra que o Concello de Santiago non só incumpriu a regra de gasto, senón que deixou pasar o período en que hai que presentar este plan legalmente.
Entre as consecuencias de non aprobar este Plan Económico Financeiro, en teoría o Concello de Santiago tería a obriga legal de deixar de prestar servizos impropios como a xestión de escolas infantís, comedores escolares, a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), entre outros servizos sociais e de promoción económica.