PLENO

O BNG defende que o Concello de Santiago se sume á iniciativa Xabarín para reclamar contidos en galego nas canles de televisión

Galego no audiovisual
Galego no audiovisual

A Lei Xeral do Audiovisual debe recoñecer a pluralidade lingüística e igualar contidos en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións

O BNG defende que o Concello de Santiago se sume á iniciativa Xabarín para reclamar contidos en galego nas canles de televisión

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2021.-  O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno unha moción para que o Concello de Santiago se adhira á iniciativa Xabarín do Parlamento de Galiza. En maio de 2021 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas, que estabelecía medidas para corrixir a situación de falta de contidos en lingua galega nas canles de televisión.

Así, aprobouse que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda. Esta proposta reclama tamén da  Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

Plataformas de emisións de contidos audiovisuais como Netflix, HBO, Prime Vídeo, Movistar ou incluso as canles xeralistas con concesións públicas de televisión emiten os seus contidos só en castelán sen nin sequera contaren coa opción dobrada ou lexendada en galego que si ofertan para outras moitas linguas.

Mesmo a canle pública estatal, TVE, tamén financiada con diñeiro galego, só emite na nosa lingua 39 minutos sobre un total de 120 horas diarias.

Até o momento, a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento en castelán, o que limita o acceso a contidos en galego, impide que a infancia, a mocidade e o conxunto do público gocen dunha oferta máis ampla de series e filmes en galego e sitúa en inferioridade de condicións de financiamento ao sector audiovisual galego. Porén, esta situación pode mudar na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, recolle a moción presentada polo BNG.

 

O BNG defende que o Concello de Santiago se sume á iniciativa Xabarín para reclamar contidos en galego nas canles de televisión