ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín considera “unha estafa” os Orzamentos da Xunta para Santiago por non subir as partidas do Consorcio e Capitalidade

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

O BNG cualifica Bugallo e Verea de “cómplices desta estafa por ser render preitesía a Feijóo en vez de defender os intereses de Santiago”

Goretti Sanmartín considera “unha estafa” os Orzamentos da Xunta para Santiago por non subir as partidas do Consorcio e Capitalidade

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, realizou unha valoración das partidas dos Orzamentos da Xunta para Santiago e considerou “unha estafa” que non se incrementasen as partidas do Consorcio da Cidade e do Estatuto da Capitalidade, que se manteñen conxeladas pese ao aumento das necesidades de mantemento da Cidade histórica.

“Despois de coñecermos que os Orzamentos do Estado inclúen cero euros para o incremento da partida do Consorcio, cos Orzamentos da Xunta corrobórase que o alcalde de Santiago de Compostela estafou a veciñanza ao anunciar un investimento de 281 millóns de euros para Santiago que, nun ano Xacobeo como vai ser o 2022, non se materializan”, sinalou. Os proxectos presentados aos fondos Next Generation non son específicos para Santiago de Compostela, que podería optar a eles como calquera outra cidade do Estado. Por tanto, é “un engano” afirmar que existe unha cantidade importante de investimento comprometida coa nosa cidade, agás que o compromiso se vaia materializar no 2029. Para alén disto, os proxectos presentados aos fondos non repercuten no Orzamento estrutural do propio Consorcio, que ten que dar un salto para ser o instrumento dinamizador da rehabilitación e a devolución de vida á Cidade histórica, engadiu.

Ademais, sinalou que son uns Orzamentos “rutineiros” que non dan resposta aos problemas sociais nin económicos derivados da pandemia e “trampulleiros” porque consideran importantes partidas para a reforma da Cidade administrativa de San Caetano, do complexo do Monte do Gozo e do Xacobeo como se fosen investimentos para a veciñanza compostelá.

“A falta de vivenda pública, de prazas de escolas infantís, de residencias de maiores e centros de día tampouco son prioridades para os gobernos de Bugallo e de Feijóo, como reflexan estas contas que dan as costas aos verdadeiros problemas que ten a veciñanza de Santiago”, indicou Goretti Sanmartín. “Isto evidencia que nin PP nin PSOE teñen sensibilidade coas necesidades sociais”, engadiu.

Así, o BNG reclama investimentos da Xunta para construír centro de día das Fontiñas, un comedor social público, investimentos para saneamento no rural, a escola infantil de Santa Marta, obras nos centros de ensino públicos

O BNG tamén cuestionou o feito de que obras que figuran, ano tras ano, non se executen como o Centro de Saúde de Conxo, ao que nin se asigna unha cantidade, o que dá conta da falta de prioridades para a veciñanza. Do mesmo xeito que falta incluír os compromisos para a Escola de Idiomas, Conservatorio de Música e Conservatorio de Danza, sobre o que existe demanda e daría un importante servizo non só ao noso concello senón a toda unha extensa comarca.

Goretti Sanmartín considera “unha estafa” os Orzamentos da Xunta para Santiago por non subir as partidas do Consorcio e Capitalidade