PLENO
Goretti Sanmartín reclama melloras de accesibilidade nos autobuses urbanos de Santiago
Na actualidade requírese que as persoas que utilizan cadeira de rodas deban levar acompañante, o que limita a súa autonomía
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha iniciativa para que os autobuses urbanos faciliten o acceso ás persoas que utilizan cadeira de rodas.
O BNG recibiu diversas queixas ante a necesidade de que as persoas con mobilidade reducida que usan cadeira de rodas deban ir acompañadas para abrir a rampa do autobús se queren utilizar este medio de transporte. “Urxe adoptar unha solución para que poidan dispoñer de autonomía e que este servizo público sexa universal”, advertiu Goretti Sanmartín.
É evidente que a flota de autobuses de Santiago non está ben adaptada ás necesidades de accesibilidade que debera ter o transporte público, unha cuestión que deberá ser incluída no prego do novo concurso. A iso súmase o feito de que, supostamente, os/as condutores/as teñan indicacións de que non poden erguerse para axudar a instalar estas rampas de accesibilidade.
Deste xeito, o BNG reclama que o Goberno local do PSOE proceda a solucionar, de urxencia, os actuais problemas de accesibilidade no transporte público, coa axuda do persoal da empresa concesionaria para instalar as rampas e que, ademais, inclúa a obriga das plataformas automáticas no prego do concurso de transporte público, para non excluír as persoas con mobilidade reducida do dereito a utilizar o servizo público de autobús urbano.