PLENO
O BNG advirte de que a prórroga do servizo de comedores escolares remata en xaneiro e o novo concurso está sen publicar
Goretti Sanmartín traslada unha iniciativa ao Pleno para apurar os prazos e que se inclúan as propostas da FANPA para mellorar a calidade deste servizo
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha interpelación para coñecer cando ten previsto o Goberno local publicar o prego do novo contrato do servizo de comedores escolares que expira en xaneiro de 2022 e para saber se vai incluír as melloras na calidade alimentaria e organizativa que propón a FANPA.
“O BNG ten preocupación pola demora en sacar o concurso de comedores escolares, pois só faltan tres meses para que conclúa o prazo de prórroga coa actual empresa concesionaria que causou tantos problemas na subministración de menús nas escolas”, explicou Goretti Sanmartín..
Ademais, lembrou que no Pleno de xullo se aprobou unha moción do BNG para que o Goberno local estabeleza unha planificación, en diálogo coas ANPA, para incluír no prego de contrato un novo de modelo de comedores escolares condicións que aposten pola alimentación saudábel, os produtos de proximidade, a garantía do acceso universal, a experiencia piloto da cociña no propio centro, a fragmentación por lotes especializados e o pagamento por anticipado.
Deste xeito, vai preguntar se os pregos de contratación van incluír a utilización de produtos de proximidade, frescos, galegos, ecolóxicos e de tempada, que favorecen o tecido empresarial local e o pequeno comercio, o que redunda na calidade do servizo e na economía compostelá e galega.
Tamén debería o Goberno local recoller o compromiso da previsión dun pagamento anticipado por parte do Concello de Santiago ás ANPA que organizan este servizo en determinados centros escolares, para evitar que teñan que sufragar os gastos por adiantando cando son entidades sen ánimo de lucro. Reclama tamén que se adiante o pagamento das bolsas de comedor que chegaron a ter 6 meses de demora e provocarlles unha situación insostíbel.
O BNG tamén quere saber cantas reunións tivo o concelleiro de Educación coa FANPA para tratar expresamente esta cuestión e se vai ter en conta as súas suxestións.