CULTURA

Goretti Sanmartín reclama a ampliación do prazo para xustificar as axudas de cultura

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Propón que o crédito sobrante da liña de asociacións, por mor da dificultade das bases da convocatoria, se destine a profesionais excluídos pese a cumpriren os requirimentos

Goretti Sanmartín reclama a ampliación do prazo para xustificar as axudas de cultura

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, máis unha vez reclama a ampliación do prazo de 15 días habilitado para a xustificación de gastos nas convocatorias de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional e asociacións, que saíron publicadas esta semana.

O feito de resolver a mediados de outubro esta convocatoria de axudas para actividades culturais en 2021 provocou que tanto profesionais como asociacións tivesen que asumir o risco de emprender a programación prevista e adiantar os cartos sen saberen se ían contar coa achega municipal.

“O problema radica agora en que deben xustificar os gastos antes do 29 de outubro, un atranco máis para a tramitación por parte de profesionais e asociacións culturais, cando está en xogo a súa supervivencia e continuidade nesta crise agravada pola pandemia da covid-19”, sinalou Goretti Sanmartín.

“Tendo en conta que entidades profesionais quedaron excluídas por esgotamento de crédito, pese a cumpriren os requirimentos solicitados, desde o BNG propoñemos que se reinvista o importe do crédito para asociacións culturais que quedou sen utilizar para eses profesionais”, afirmou. Na liña de asociacións culturais o crédito dispoñíbel era de 48.000 euros e tan só foron 3 os colectivos beneficiarios que percibirán un total de 12.162 euros, a contía restante desta liña de axudas debería destinarse neste mesmo exercicio á liña de profesionais que non ten orzamento suficiente, propuxo a portavoz municipal do BNG.

Á vista dos datos, tamén resulta evidente que as bases da convocatoria non eran adecuadas cando só se presentaron 10 e figuran 113 inscritas no Rexistro municipal de asociacións culturais, das que unicamente 3 resultaron beneficiarias nesta liña de concorrencia. Así, manifestou que “foi un auténtico fracaso esta convocatoria  para o fomento de actividades culturais, xa que non cumpriu os obxectivos de dinamización, apoio nin estímulo aos seus proxectos e programacións relacionadas coas música, teatro, exposicións, cine, fotografías, conferencias, performances ou, en xeral, calquera acción cultural ou artística”. Tamén para o público non se consegue que estas actividades se estendan en maior tempo.

Goretti Sanmartín insistiu en reclamar un reforzo no departamento de Cultura para resolver coa maior celeridade a concesión destas axudas e para que nas vindeiras convocatorias se axilice a tramitación.

Goretti Sanmartín reclama a ampliación do prazo para xustificar as axudas de cultura