BANCA

Goretti Sanmartín destaca a necesidade de manter abertas as oficinas bancarias na Cidade histórica e no rural compostelán

Concentración ante o BBVA
Concentración ante o BBVA

A perda destas sucursais supón un grave problema co recorte de servizos necesarios para manter residentes e clientela de negocios

Goretti Sanmartín destaca a necesidade de manter abertas as oficinas bancarias na Cidade histórica e no rural compostelán

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, participou esta mañá nas mobilizacións contra o peche da oficina do Banco Sabadell e do BBVA da rúa do Vilar, xunto con representantes de asociacións de comerciantes, veciñais e hostaleiras, ademais do comité de empresa e da CIG. “Urxe adoptar medidas para impedir o peche de oficinas bancarias na Cidade histórica e no rural de Compostela, pois a perda destas sucursais supón un grave problema co recorte de servizos necesarios para manter residentes e clientela de negocios asentados nestes ámbitos”, explicou Goretti Sanmartín.

Así, lembrou que o Pleno de marzo de 2021 aprobou unha moción conxunta impulsada polo BNG para expresar o apoio da Corporación ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos. Na iniciativa instábase a Xunta a desenvolver, no marco da súa competencia, as actuacións necesarias para evitar a deslocalización de servizos e a perda de postos de traballo no sector da banca en Galiza. Tamén reclamaba instar o Goberno español a impulsar unha regulación do sector bancario que atenda as necesidades de financiamento da economía produtiva e asegure o acceso da cidadanía a servizos financeiros básicos.

A portavoz municipal do BNG recordou tamén a declaración institucional aprobada no Pleno de setembro para a permanencia destas sucursais na Cidade histórica.

“Nunha sociedade como a actual en que é imprescindíbel o uso de entidades bancarias, urxe adoptar medidas por parte das administracións para forzar a evitar o peche de oficinas, tanto na Cidade histórica como no rural, debido á repercusión negativa que ten esta decisión de centralización e supresión de postos de traballo para a economía local de Santiago de Compostela, cando están a ter grandes beneficios que non repercuten na mellora social”, indicou.

“O problema de que a Cidade histórica acabe converténdose nun decorado e non preste servizos á veciñanza pode levar a que máis xente abandone a súa residencia na nosa cidade”, advertiu.

Co peche destas entidades agudízase o baleirado de servizos e apóstase por un modelo de negocio afastado das necesidades da maioría social, que non vai orientado ás pequenas empresas, persoas autónomas nin particulares, cando son as que precisamente teñen os negocios na Cidade histórica.


 
Goretti Sanmartín destaca a necesidade de manter abertas as oficinas bancarias na Cidade histórica e no rural compostelán