CONTA XERAL

Goretti Sanmartín: “A Conta xeral revela a política de propaganda de Bugallo, porque non executa a maioría dos proxectos que anuncia”

orzamentos
orzamentos

“De cada 100 euros para investimentos, o Goberno de Bugallo deixou sen gastar 80 e logo din que non teñen cartos para os sectores afectados pola pandemia”, sinala a portavoz municipal do BNG

Goretti Sanmartín: “A Conta xeral revela a política de propaganda de Bugallo, porque non executa a maioría dos proxectos que anuncia”

O propio informe de Intervención recoñece que o baixo nivel de execución dos gastos de capital supón un atraso na realización de proxectos financiados

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, avanzou que a Conta xeral de 2020, que irá a Pleno este venres, revela “a nula capacidade de xestión e o baixísimo nivel de execución dos Orzamentos porque, un ano máis, as contas de Bugallo son contos”.

Referiuse así á “política de propaganda” do alcalde “porque de nada vale que poñan e escriban cifras e falen de proxectos cando estes se repiten unha e outra vez, aparecen ano tras ano e non se executan”, advertiu.

Cos datos concretos, explicou que o Concello de Santiago ten un remanente de tesouraría de 8,5 millóns de euros e continúan a incrementarse os excesos de financiación afectada, nunha cantidade que é, sen ningunha dúbida, excesiva. “Se en 2018 falabamos de 9.864.610 euros e en 2019 de 13.008.939, en 2020 están nos 17.416.949, case o duplo que hai dous anos”, indicou. Iso significa que hai un incremento de proxectos que non se executan e van para remanentes e volverán aparecer nos orzamentos de 2022, despois de estar nos de 2018, 2019, 2020 e 2021. 

Goretti Sanmartín apuntou outro dato importante, o estado de execución do investimento está no 21%. “Baixamos dun 22,4 en 2019 a un 21,8 en 2020; isto é, de cada 100 euros que teñen para investimentos, 80 fican sen gastar”, sinalou. “E con estas porcentaxes a ver como explican que non teñen cartos, que non poden incrementar as subvencións e que non poden pagar en tempo e forma, que os sectores que o están pasando mal non teñen prazo para xustificar as subvencións pola súa incapacidade para resolver a tempo as convocatorias”, engadiu.

En canto ao nivel de gasto en investimento por cidadán/á  vai en diminución, pasouse de  99,22 euros por habitante en 2018 a 68,26 en 2019 e baixouse a 62,03 en 2020, en plena crise económica derivada da pandemia.

Ademais, outra das eivas detectadas nesta Conta xeral de 2020 é que o período medio de pago a provedores incumpriuse de xeito case permanente. A media foi de 38,5 días, e chegou aos 50 días, moito máis dos 30 días que estabelece a lexislación. Conseguiron baixalo unicamente nos meses de novembro e decembro mais nos meses de marzo, novembro e decembro, coas consecuencias inevitábeis para pequenas e medianas empresas.

Deste xeito, afirmou que isto verifica que coa chegada do PSOE ao Goberno do Concello non hai “nada novo baixo o ceo”, posto que o propio interventor municipal recoñece no seu informe que “o baixo nivel de execución nos gastos de capital pon de manifesto un atraso na realización dos proxectos financiados coas dotacións asignadas nos orzamentos para esta finalidade; isto é, un atraso na capacidade de gasto, e un excesivo volume de remanentes e crédito a incorporar dun exercicio a outro naqueles casos en que tales dotación se correspondan con remanentes de crédito de incorporación obrigatoria”.

Este problema de xestión ten tamén repercusións negativas na economía local. Mentres a media dos concellos da provincia licitaron un 31,9% máis de obra pública no primeiro semestre de 2021 con respecto ao mesmo período de 2020, en Santiago diminuíu un 8,29%. Segundo datos da Federación Galega da Construción, en consonancia con esta menor licitación de obra pública, o investimento por habitante baixou de 58,81 a 18,09 euros, -69,75%, practicamente un 70% menos, en Santiago de Compostela, advertiu.

 

Goretti Sanmartín: “A Conta xeral revela a política de propaganda de Bugallo, porque non executa a maioría dos proxectos que anuncia”