CULTURA
Goretti Sanmartín: “Resulta escandalosa a xestión da convocatoria de axudas de cultura, sen resolver tres meses antes de rematar 2021”
“Nesta edición é previsíbel que quede o diñeiro asignado a Cultura sen gastar cando o sector está afogado”
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cualificou de “escandalosa” a xestión da convocatoria de axudas a profesionais e asociacións culturais que en pleno mes de outubro aínda están sen resolver, co dano económico e social que causa esta falta de operatividade por parte do Goberno local do PSOE.
“No BNG recibimos con moita preocupación as queixas de profesionais da cultura e de asociacións que teñen pendente de resolver por parte do Concello a concesión das axudas, polo que deben arriscarse para levar adiante a programación e adiantar os fondos económicos sen saber sequera se llas van conceder ou non”, advertiu.
“Isto está a dificultar seriamente o traballo do sector cultural en Santiago de Compostela e mesmo provoca un panorama de desertización de actividades para a veciñanza”, indicou Goretti Sanmartín. “O Goberno local, en vez de facer un esforzo para impulsar a cultura logo das dificultades da época da pandemia, está a poñer trabas a este sector que se xoga a supervivencia e continuidade”, engadiu.
A “pésima xestión” dos prazos destas axudas, que teñen que estar xustificadas a 31 de outubro segundo constaba na convocatoria publicada en maio, vai facer inviábeis moitos dos proxectos que se pretendían realizar en Santiago de Compostela neste 2021, sinalou. Neste sentido, o BNG reclama un reforzo para o departamento de Cultura co fin de gañar operatividade e de que nas vindeiras convocatorias se axilice a tramitación, “pois nesta edición é previsíbel que quede o diñeiro asignado sen gastar cando o sector está afogado”.
Axudas ao comercio
O BNG insta o alcalde a axilizar a concesión das axudas extraordinarias de comercio, posto que hai estabelecementos composteláns que aínda non recibiron 1 euro para contribuír a paliar os efectos da pandemia, pese á propaganda constante do Goberno local sobre o plan de reactivación económica. “É intolerábel esta demora na xestión de cuestións urxentes que poñen en xogo a continuidade de locais comerciais en Santiago de Compostela”, indicou a portavoz municipal nacionalista en Raxoi.