PLENO
Goretti Sanmartín: “Desde o BNG esiximos que se estenda a liña de autobús a Verdía para darlle servizo á veciñanza”
Urxe a instalación de marquesiñas para o transporte escolar en Lobra e Vilar de Outeiro
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a concelleira Navia Rivas mantiveron un encontro coa directiva da asociación veciñal de Santa Mariña de Verdía onde trasladaron diversas necesidades de servizos básicos no relativo a transporte público, abastecemento e saneamento de auga, seguranza viaria, recollida de residuos e espazos de lecer para infancia e maiores. “A veciñanza quedou incomunicada desde que Tussa asumiu o transporte público á parroquia de Verdía e non ofrece a liña de autobús que lle corresponde”, advertiu Goretti Sanmartín.
Deste xeito, o BNG presentará unha iniciativa no Pleno para buscar unha solución á carencia de transporte público que lles afecta a 300 veciños e veciñas da parroquia de Verdía, co fin de que o Goberno local se comprometa a incluír, cando menos, frecuencias de ida e volta en horario de mañá e tarde para conectar co centro urbano. “Desde que Tussa asumiu o servizo de transporte, logo da eliminación de liñas de Autos Grabanxa e de que o transporte escolar deixase de prestar este servizo combinado para a veciñanza, prodúcese unha discriminación para a veciñanza de Verdía, que non dispón de autobús para ir traballar e onde hai moitas persoas maiores que non teñen conexión cos centros de saúde, hospitais e núcleo urbano para poder realizar a compra ou outras xestións”, indicou Goretti Sanmartín.
En paralelo, o BNG reclamará tamén melloras de seguranza viaria, como a instalación de marquesiñas de autobús para transporte escolar nas parroquias de Lobra e de Vilar de Outeiro, melloras nos pasos de peóns e ancho de vía que son insuficientes, canalización de pluviais, limpeza de cunetas e o asfaltado de tramos para poder acceder a vivendas. Hai unha zona especialmente perigosa situada entre a igrexa, o parque infantil e o centro sociocultural que carece de beirarrúas e pasos peonís, polo que é necesaria unha actuación de urxencia.
Cómpre mellorar tamén o parque infantil, tanto no material da superficie, na accesibilidade e no equipamento, pois precisa de xogos para diversas idades, bancos, papeleiras, barreiras de seguranza e sinalización. Desde a asociación propoñen trasladar o parque infantil ás inmediacións da pista cuberta e crear tamén alí un parque biosaudábel. Por outra parte, demandan que a antiga estación preste servizo á veciñanza e que se realice un proxecto para dala a coñecer e favorecer un novo espazo de encontro.
Na xuntanza trataron tamén os incumprimentos do Pacto polo Rural, asinado por todos os partidos políticos, no relativo a conseguir investimentos para dotar das redes de saneamento e abastecemento de auga, recollida selectiva de residuos e mellora de iluminación pública.
Ademais, o BNG demandará que a Vía Verde, cuxo proxecto xa se está a desenvolver con éxito noutras localidades da comarca, se inclúa na nova convocatoria do IDAE para conseguir os fondos económicos para acometer esta obra por parte do Goberno municipal.