OBRAS

O BNG reclámalle ao alcalde que manteña a fonte da praza do Cruceiro de San Pedro no seu emprazamento orixinal

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

“É un feito que se suma á falta de transparencia, improvisación e cambios constantes dos proxecto das obras en Santiago”, advirte Goretti Sanmartín

O BNG reclámalle ao alcalde que manteña a fonte da praza do Cruceiro de San Pedro no seu emprazamento orixinal

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021.-  “Desde o BNG reclamámoslle ao alcalde que non altere a localización da fonte do Cruceiro de San Pedro, de acordo coa petición da asociación veciñal A Xuntanza, por se tratar dun lugar de referencia para o barrio”, afirmou Goretti Sanmartín, portavoz municipal en Raxoi.

A veciñanza da zona trasladou o seu malestar pola retirada da fonte da praza do Cruceiro de San Pedro, mediante a numeración das pedras, “un feito que se suma á falta de transparencia, improvisación e cambios constantes do proxecto das obras dos Concheiros”, advertiu.

De feito, o concelleiro de Obras recoñeceu que inicialmente non estaba prevista a súa reposición mais que, finalmente, decidiu recolocala na zona central da praza, xunto á fachada dalgunhas vivendas.

“Máis alá de que esta fonte de pedra non teña un século de antigüidade e poida non gozar de protección expresa, constitúe un elemento patrimonial que cómpre preservar pois é un lugar de referencia e da imaxe da configuración do conxunto da praza do Cruceiro de San Pedro que non é preciso cambiar de lugar por capricho e improvisación das obras”, indicou.

Goretti Sanmartín demandou tamén que se manteña a subministración de auga, pois é un valor para esta zona, ademais dos elementos de ornato, carácter monumental e patrimonial que ofrece esta fonte.

O BNG reclámalle ao alcalde que manteña a fonte da praza do Cruceiro de San Pedro no seu emprazamento orixinal