PLENO

O BNG consegue aprobar unha moción para protexer as minas da Barquiña, co fin de frear a posíbel instalación dun vertedoiro de residuos en Fecha

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

Aprobouse, por unanimidade, a creación de novas instalacións para a práctica de skate, patinaxe e voleibol en Conxo

O BNG consegue aprobar unha moción para protexer as minas da Barquiña, co fin de frear a posíbel instalación dun vertedoiro de residuos en Fecha

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021.- O BNG conseguiu aprobar, por unanimidade, unha moción para a realización dun estudo do hábitat e do patrimonio da contorna da antiga canteira de Fecha, coñecida como as minas da Barquiña, de cara a súa protección ante a preocupación social existente pola posíbel instalación dun vertedoiro de residuos neste emprazamento e o dano ambiental e para a saúde da veciñanza que pode causar a contaminación de acuíferos e mananciais de auga que abastecen a zona, ademais da afectación á flora, fauna e patrimonio. Ao abeiro desta moción interveu na sesión plenaria Marisa Gil Nieto, en representación da asociación A Pedra que Fala e da veciñanza de Santa Cristina e de San Xoán de Fecha.

Cómpre ter en conta que as consecuencias de instalación dun vertedoiro neste lugar, camuflado como un proxecto de restauración da canteira como aconteceu co de Miramontes-Grixoa, poden supoñer risco de contaminación das augas do río Tambre, de acuíferos para traídas e pozos veciñais, destrución de hábitats de interese, polución do aire coa emisión de gases, ruídos e inseguranza derivadas do tránsito de camións.

Nese sentido, para o BNG é fundamental que o Concello de Santiago realice análises periódicas das augas, para coñecer a situación dos mananciais e saber se son aptos para consumo e labores agrícolas.

Neste emprazamento está localizada a especie Lycopodiella inundata, protexida polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo a categoría de vulnerábel e é probábel a presenza de anfibios protexidos como Hyla arborea, Chioglossa lusitanica e Rana iberica. Así, debe ser realizada unha Avaliación de Impacto Ambiental e un Estudo de Impacto Ambiental de querer desenvolverse un proxecto neste emprazamento das minas Blanquita e da Barquiña.

Pistas de skate en Conxo

Outra das mocións aprobadas foi para a reordenación e mellora das pistas de skate de Conxo, co fin de considerar con especial interese para a súa inclusión nos Orzamentos de 2022 a creación de novas instalacións para a práctica de skate, patinaxe e voleibol no espazo da rúa Emilia Pardo Bazán, con sinalética e iluminación adecuadas, en diálogo coa Asociación de Skate de Santiago e atendendo ao proxecto elaborado por esta entidade, ademais de encargarse da súa limpeza e mantemento. Aprobouse por unanimidade e o Goberno local comprométese a incluír, no posíbel, unha partida nos Orzamentos de 2022.

Na actualidade estas rampas presentan numerosos buracos, ademais da sucidade e pintadas, cando se pode ter un espazo ordenado, limpo e co mantemento adecuado dos módulos de patinaxe para estas prácticas deportivas. Isto é necesario para fomentar hábitos deportivos e de lecer saudábeis entre a mocidade, non pode ser que o Goberno local do PSOE abandone estes espazos públicos e teñan que desprazarse a concellos veciños por falta de espazo.

Pagamento da luz da Catedral por parte da Administración municipal

O BNG trasladou tamén unha moción para que o Concello elabore un informe para esclarecer o pagamento de recibos da luz da Catedral de Santiago por parte da Administración municipal, que determine as cantidades e mensualidades abonadas, coa data en que se comezou e deixou de pagar, xunto co destino da subministración (ornamental, de uso cotiá e/ou interior), informe que fará público en aras da transparencia. Aprobouse cos votos de BNG e CA e mais as abstencións de PP e PSOE.

Ademais, reclamou que o Concello solicite, após os correspondentes informes xurídicos, a recuperación total ou parcial do importe, e clarifique a situación dos impostos municipais que corresponda a bens proeade da Igrexa.

Segundo un informe municipal de 2012, publicado por elDiario.es, o Concello asumiu o pagamento de recibos de electricidade á Catedral de Santiago, previsibelmente desde 1968. En tan só tres anos, no período examinado de 2009 a 2011, a cantidade abonada foi superior a 145.000 euros.

Actividades nos centros socioculturais do rural

O BNG tamén trasladou ao Pleno a discriminación existente nos centros socioculturais do rural, onde o Goberno local do PSOE reduciu á metade as prazas para este curso 2021/2022 e reclamou que se manteña a oferta pública habitual. De feito, das 818 prazas en actividades que se programaron o curso pasado, en plena pandemia, só se manteñen 424 para este que comeza, unha redución próxima ao 50% que vai provocar que moitas persoas teñan que procurar alternativas privadas para o lecer ao carecer de oferta pública municipal descentralizada. O Goberno local comprometeuse na sesión plenaria a incrementalas.
 




 

O BNG consegue aprobar unha moción para protexer as minas da Barquiña, co fin de frear a posíbel instalación dun vertedoiro de residuos en Fecha