PLENO
O Pleno aproba a iniciativa do BNG para elaborar un plan estratéxico de subvencións
Tamén conseguiu que se cree un plan de reactivación económica para zonas afectadas polas obras
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021.- O Pleno de setembro aprobou a proposición do BNG para que o Goberno local elabore, con medios propios, un plan estratéxico de subvencións e se camiñe cara ao adelgazamento das subvencións nominativas de cara aos próximos orzamentos municipais. Aprobouse cos votos de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.
Ademais, mentres este plan non se realiza, o acordo inclúe que o Goberno local se comprometa a utilizar os instrumentos normativos existentes, nomeadadamente a Lei de subvencións, para continuar atendendo as diversas necesidades de entidades e colectivos, considerando sempre a ponderación do uso dos principios xerais de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Para a aprobación, seguimento e avaliación do plan estratéxico de subvencións, procederase á creación dunha comisión de seguimento en que se integrarán a Intervención xeral do Concello, unha persoa representante de cada unha das áreas e entidades xestoras de subvencións, así como representantes de cada grupo político da Corporación. Esta comisión deberá avaliar información de cada liña e tipo de subvención proposta, así como as subvencións concedidas, xustificadas, as renunciadas e as reintegradas (ou en procedemento de reintegro); o grao de cumprimento dos seus obxectivos específicos e do seu prazo de consecución; os custos efectivos en relación aos previsibles, do seu plan de acción e dos seus indicadores cuantificábeis; as repercusións orzamentarias e financeiras que se derivan da aplicación do plan e as suxestións para a elaboración dese plan estratéxico de subvencións, segundo recolle a iniciativa.
O BNG tamén conseguiu que se aprobase crear un plan de reactivación económica para zonas afectadas polas obras e consensuar cos sectores afectados como comercio e hostalaría, entre outros, e dentro das marxes legais e competenciais, o obxecto e procedemento da subvención. Esta proposición do BNG resultou aprobada cos votos de BNG e CA e as abstencións de PSOE e PP.
O Goberno local mantivo durante a tempada alta a realización de obras en rúas moi transitadas, o que ocasionou severas perdas económicas a pequenos negocios de comercio, bares e restaurantes, fundamentalmente. Isto produciuse nun período de desescalada da pandemia da covid-19, cando podería coincidir o inicio da súa recuperación, expón o texto da proposición.
A modo de exemplo, a inicios de agosto anunciouse unha prórroga nos traballos da rúa dos Concheiros, coa ampliación até o 12 de novembro. A falta de planificación destas obras, coa rúa cortada ao tráfico e a mala adecuación de paso para peóns nunha grande amplitude en vez de realizar a actuación por tramos e informando a veciñanza, xunto coas modificacións do proxecto derivadas de imprevistos que provocaron un incremento dos prazos motivou que estes comercios, bares e restaurantes atravesasen un verán con dificultades para a súa supervivencia.
De feito, estes negocios dos Concheiros que permaneceron abertos durante as obras estiman que reduciron a facturación en máis dun 50% á parte dos que optaron por pechar. A isto hai que engadir o malestar xerado na veciñanza por non habilitar zonas de paso seguras e sen risco de caídas e lesións, á parte da sucidade que xeran as obras e da proliferación de ratas que saíron á superficie.