PLENO

O BNG pregúntalle ao alcalde as medidas que vai adoptar para frear a instalación de vertedoiros en Santiago

Navia Rivas
Navia Rivas

Representantes veciñais trasladaron a preocupación por un informe urbanístico que pode estar vinculado ao intento de poñer un vertedoiro en Nemenzo

O BNG pregúntalle ao alcalde as medidas que vai adoptar para frear a instalación de vertedoiros en Santiago

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021.-  O BNG formulou unha pregunta ao alcalde para saber se o Goberno local ten previsto adoptar medidas para evitar a instalación dun vertedoiro en Nemenzo ou noutros lugares do rural compostelán, ante a preocupación da veciñanza afectada que trasladou queixas á formación nacionalista para que se adopten medidas de protección das zonas naturais.

“Representantes veciñais de Nemenzo transmitíronlle ao BNG a súa preocupación por un informe urbanístico municipal emitido a instancias de Vértebra Ambiental, a mesma empresa que pretende a restauración da canteira de Santa Cristina de Fecha, coa posibilidade de que acubille tamén un vertedoiro de residuos encuberto, e con referencias á Lei do Solo moi semellantes ás descritas naqueloutra petición”, advertiu a concelleira Navia Rivas.

Neste caso de Nemenzo, segundo trasladaron ao BNG, as referencias catastrais correspóndense cunha superficie de 18.000 m2 vinculada a terreos de ADIF ligados á construción das infraestruturas de velocidade alta.

“Por estes motivos, ante a posibilidade de instalación de vertedoiros encubertos en diversos lugares do rural de Compostela, o BNG formuloulle ao alcalde unha pregunta para coñecer as medidas que ten previsto adoptar para frear a proliferación de residuos que poden poñer en perigo a captación de augas, a flora e fauna destes espazos, ademais da contaminación e ruídos que xera o paso de camións”, indicou.

O BNG pregúntalle ao alcalde as medidas que vai adoptar para frear a instalación de vertedoiros en Santiago