MOCIDADE
O BNG de Santiago rexeita o modelo de dispersar estudantes de noite nos espazos públicos con policía antidisturbios e violencia
Navia Rivas, fronte a este modelo represivo, reclama alternativas de ocio para a mocidade compatíbeis co dereito ao descanso da veciñanza
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021.- A concelleira do BNG Navia Rivas trasladou que tendo en conta a necesidade e o dereito ao descanso da veciñanza, xunto con máis alternativas de lecer para a mocidade fronte ao botellón, convén esclarecer a actuación desproporcionada de intervención policial á vista das imaxes e dos vídeos con persoas que resultaron feridas nos altercados producidos na madrugada do xoves 23 ao 24 venres con uso de porras extensíbeis, entre outro material antidisturbios, para disolver estudantes que estaban na rúa ante o aforo limitado e horario reducido de locais como medidas sanitarias adoptadas de prevención da pandemia da covid-19.
“Escandalizounos que a resposta do alcalde de Santiago fose a petición de máis efectivos policiais antidisturbios”, afirmou a concelleira. “Se pola contra esas enerxías se usasen para demandar investimentos en Compostela por parte doutras administracións, sería factíbel outro modelo amplo de lecer, cultural e deportivo con espazos e actividades para a mocidade”, engadiu.
Cómpre lembrar que a desescalada se produciu en todos os sectores agás na hostalaría e copas, posto que a xente pode facer vida case prepandémica mais ten limitada esa parte de socialización. Nese sentido, cumpriría ir dando pasos segundo reclaman desde este sector para a ampliación dos horarios, de acordo coas licenzas das que dispoñen e segundo as recomendacións de prevención sanitaria.
“Cómpre un chamamento á prudencia e á responsabilidade, con máis alternativas de lecer saudábeis para a mocidade, e adoptar medidas disuasorias de aglomeracións sen violencia para evitar que eses acontecementos volvan producirse”, advertiu.
Neste sentido, desde o BNG formulamos xa preguntas ao Goberno local de Xosé A. Sánchez Bugallo para saber se vai abrir unha investigación sobre o acontecido na madrugada do xoves 23 ao venres 24 de setembro, logo desa violenta actuación policial e adoptar medidas sen violencia para evitar aglomeracións de noite nas rúas tendo en conta que o habitual é a resposta cívica por parte da mocidade para cumprir os protocolos de prevención da pandemia.
Ademais, reclama coñecer se o Goberno local vai organizar alternativas de ocio reais e potentes para a mocidade compatíbeis co dereito ao descanso da veciñanza.