PLENO
O BNG felicita o logro de conseguir manter aberta a oficina de Muface en Santiago
Navia Rivas expresa o apoio ás persoas mutualistas que iniciaron mobilizacións para frear o peche deste servizo con atención presencial
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021.- O grupo municipal do BNG de Santiago transmitiu o seu apoio ás persoas afectadas polo peche da oficina do Servizo Provincial da Mutua Xeral de Funcionarios/as Civís do Estado (Muface) que organizaron mobilizacións e trasladara unha iniciativa ao Pleno para que o Goberno local reclame manter aberta con plena dotación de persoal e recursos materiais esta oficina, así como o resto de servizos, garantindo a atención presencial e persoal a todas persoas mutualistas. Ante estas mobilizacións, hoxe coñeceuse a rectificación para darlle continuidade a este servizo sen pechar a oficina de Santiago.
“Ao suprimir este servizo, Muface ía deixar sen atención directa todas as persoas mutualistas do sur da provincia da Coruña, milleiros de persoas que teñen como referencia a oficina de Santiago de Compostela para realizaren diversos trámites ante a mutualidade de forma presencial”, explicou a concelleira do BNG Navia Rivas. Isto afectaría, sobre todo, persoal de primaria e secundaria do ensino público, profesorado universitario, persoal de Correos e demais persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado.
O gran número de usuarios e usuarias fai imprescindíbel manter este punto de atención presencial para dar servizo a todas as persoas mutualistas e as súas familias, evitando que teñan que desprazarse moitos quilómetros, con gasto de tempo e diñeiro, para lograren unha atención adecuada.
“Debe lembrarse que desde o comezo da pandemia, coa escusa das medidas de redución de movementos e contactos, Muface restrinxiu o acceso ás súas oficinas, obrigando na maioría de casos a realizar as xestións de forma telemática”, sinalou. Así, este servizo de asistencia a distancia que xa era tamén posíbel antes da pandemia, fíxose case obrigatorio durante o confinamento e mentres duraron os estados de alarma. “Con todo, agora que as medidas para lle facer fronte á pandemia están a relaxarse, a oficina debería retomar a súa actividade normal e recuperar plenamente a atención presencial tal e como demandan persoas usuarias”, engadiu.
Así, moitas das persoas usuarias son de idade avanzada que poden ter problemas coas novas tecnoloxías e que prefiren ou necesitan, en moitos casos, unha atención persoal e presencial. A mellora dos medios telemáticos, ofrecer a posibilidade de xestión en liña, non pode servir de escusa para pechar e impedir a atención en persoa aos mutualistas.