PLENO

O BNG reclama que se amplíe o prazo de actividade das persoas artesás que teñen un posto na rúa

bng
bng

“É necesario compensar o mes en que non puideron desenvolver a súa actividade por problemas administrativos”, advirte Goretti Sanmartín

O BNG reclama que se amplíe o prazo de actividade das persoas artesás que teñen un posto na rúa

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021.-  O grupo municipal do BNG de Santiago reclámalle ao alcalde ampliar o prazo de actividade das persoas artesás que teñen un posto na rúa para compensar o mes en que non puideron exercer a súa actividade, ademais de requirir que se estuden novos emprazamentos para evitar discriminacións cos postos instalados na praza de Salvador Parga.

O BNG recibiu diversas queixas da situación de persoas artesás que teñen un posto na rúa, derivadas do cambio de emprazamento e da perda do tempo traballado mentres o Goberno local reorganizou, mediante unha convocatoria, a súa nova distribución.

Segundo indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG de Santiago, para estas persoas que pagan a cota de autónomas resultou custoso facerlle fronte aos gastos mentres non puideron exercer o seu traballo durante máis dun mes por causa dos trámites administrativos municipais que se demoraron máis do previsto e cando xa estaba iniciada a tempada alta.

“Ademais, reclaman o estudo de novas localizacións para os postos asignados á praza Salvador Parga, en clara desvantaxe cos demais pola menor afluencia de persoas nesa contorna o que fai dificulta ou mesmo fai inviábel a permanencia da súa actividade laboral”, explicou Goretti Sanmartín.

Así, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para que se amplíe o prazo de actividade e se busque outro emprazamento alternativo á praza Salvador Parga.

 

O BNG reclama que se amplíe o prazo de actividade das persoas artesás que teñen un posto na rúa