PLENO
O BNG insta a axilizar os trámites para a creación da ruta cultural e ambiental por Barciela e Marantes
A proposta xurdiu da Asociación Veciñal Rego das Pedras de Marantes
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021.- O grupo municipal do BNG de Santiago insta o alcalde a axilizar os trámites para a creación da ruta cultural e ambiental por Barciela e Marantes, de acordo co que se aprobou en decembro de 2020 no Pleno.
En decembro de 2020, o Pleno aprobou unha iniciativa do BNG -cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e a abstención do PP- para crear a ruta cultural e ambiental en Barciela e Marantes. Chegouse a un acordo cunha emenda transaccional para que o Concello, de acordo coa proposta da Asociación Veciñal Rego das Pedras de Marantes, realice a sinalización e posta en valor dunha ruta cultural entre Barciela e Marantes, e inste a Xunta a estudar a posibilidade de considerala unha variante ao Camiño Inglés, dando a coñecer o seu patrimonio natural e cultural vinculado á tradición xacobea.
Porén, transcorridos 9 meses, a asociación veciñal trasladou a súa preocupación ao BNG pola falta de información sobre o inicio da tramitación para a creación desta ruta, coa que se poden dar a coñecer a igrexa de Santo Andrés da Barciela, a Fonte dos Ingleses e a capela da Agualada cun claustro románico atribuído ao obradoiro do Mestre Mateo. Cómpre ter en conta as actuacións desenvolvidas polo Consorcio da Cidade para a rehabilitación deste templo, que representa unha boa oportunidade para a súa difusión entre a propia veciñanza de Compostela e as persoas visitantes.
O itinerario proposto tamén inclúe o paso por zonas verdes, xa que transcorre por un 80% de vías forestais con árbores frondosas e sen tráfico. Ademais, no lugar de Agualada, existe unha zona verde de titularidade municipal cunha carballeira dotada con parque infantil, pista polideportiva e bancos con mesas de madeira que complementan esta ruta como área para o descanso.
A isto súmase que na variante proposta a seguranza viaria é moito maior que no actual trazado do Camiño Inglés, xa que evita calquera cruce da N-550 en superficie e úsase un paso inferior xa existente no lugar de Agualada.