PLENO
O BNG reclama que se recupere o Premio Literario Ánxel Casal para contribuír á normalización lingüística nos centros de ensino
Esta iniciativa pretende tamén que a mocidade coñeza a achega do editor da revista Nos á cultura galega
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021.- O BNG traslada ao Pleno unha iniciativa para que o Concello de Santiago de Compostela inclúa nos Orzamentos de 2022 e seguintes unha partida destinada a restituír a convocatoria anual do Premio Literario Ánxel Casal cos obxectivos de estimular a creatividade da mocidade e de contribuír á normalización lingüística nos centros de ensino.
O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto, tal e como aínda describe a propia web municipal. Este certame tivo a colaboración de Edicións Xerais, nas súas últimas edicións, con máis de 5.000 euros anuais en premios e continuidade até 2011, cando deixou de se convocar.
A denominación de "Ánxel Casal" para este certame literario provén do recoñecemento a este insigne galeguista, que foi tamén alcalde da cidade de Santiago, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de numerosas publicacións en galego. Nas propias bases consta que esta iniciativa quere expresar o desexo de que estudantes coñezan e valoren a súa achega á cultura galega e quere ser unha actividade de promoción da lingua galega no constante e necesario proceso de normalización lingüística.
O Concello de Santiago convocaba este premio e compartía a súa organización cada ano cun centro de ensino secundario da cidade, atendendo a un desexo de itinerancia na súa coorganización.
Así, o BNG reclama que se volva convocar este certame en que participaron numerosos alumnos e alumnas de ensino non universitario a partir dos 14 anos, con obras escritas en lingua galega, inéditas e de tema libre, de xeito que se estimulou a súa creatividade ademais de supor un impulso á normalización do idioma.