PLENO
O BNG reclamará no Pleno que se limite o número de cámaras na Cidade histórica
Diversos colectivos xa cuestionaron o exceso de voluminosidade, báculos e cableado que requiren, ademais do instrumento de control e ataque ás liberdades que supoñen
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021.- O BNG trasladará unha moción ao Pleno destinada a limitar a instalación de cámaras do proxecto Smartiago ás zonas de acceso á Cidade histórica, para evitar duplicidades innecesarias e reducir o número das previstas, ademais de velar polo cumprimento das características estéticas estipuladas nos informes da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico e polo dereito á liberdade da veciñanza e visitantes.
Ademais de cuestionar o número excesivo de cámaras e o seu emprazamento, que provoca duplicidades sobre as xa preexistentes, a escolla da localización dalgunhas das 39 novas previstas evidencia que non son para uso exclusivo de ordenación e observación de fluxos de tráfico. “Despois de ver os emprazamentos un por un na última Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, para alén de xulgar non apropiada a colocación de mastros que veñen agravar a excesiva proliferación de sinais nalgúns puntos da cidade, é evidente que con moitas menos cámaras para o control de acceso é suficiente para obter a información que se precisa”, explicou Navia Rivas, concelleira do BNG.
“En canto á estética, tamén é cuestionábel que se instale na Cidade histórica un número tan elevado de cámaras, báculos, sinalización, cables e demais aparellos para ese control, que contrasta coas restricións para outro tipo de elementos ornamentais por parte da veciñanza”, sinalou
Así, constan 14 pasos aéreos a resolver no informe técnico de 17/09/2021 que se trasladou á Comisión Asesora de Patrimonio Histórico e as cámaras previstas están situadas a unha altura moi elevada -moitas delas entre o primeiro e segundo andar dos inmóbeis- co que non van dirixidas ás matrículas dos vehículos e poden interferir coa intimidade das persoas residentes neses edificios ás que se realizou unha comunicación con posterioridade á súa colocación. Cómpre sinalar que as cámaras poden moverse 160 graos e teñen unha altísima capacidade de resolución, o que chama á preocupación de diversos colectivos en defensa dos dereitos e liberdades.
De feito, xa saíron publicamente colectivos como EsCULcA, a Asociación para a Defensa do Patrimonio cultural galego, que xa advertiu tamén da proliferación de elementos que rodean a instalación destas cámaras por resultar pouco adecuados ao seu emprazamento na Cidade histórica de Santiago de Compostela, e a asociación veciñal Fonseca, que sinalou que o poste de cámaras da Porta Faxeira é dun material que compaxina mal coa estética tradicional de toda a zona, ademais de cuestionar que se poñan cámaras en todos os lados e a súa excesiva voluminosidade.
En febreiro de 2021, o BNG xa trasladara unha pregunta ao Pleno sobre o proceso de instalación de cámaras na Cidade histórica, con solucións estética e patrimonialmente discutíbeis, que non foron tratadas de maneira individual na Comisión de Patrimonio. Estas cámaras aplican un sistema de intelixencia artificial, mediante o programa Smartcity, para o control e recoñecemento de vehículos e persoas que transiten por diversos puntos da cidade.