PLENO

O BNG insta o alcalde de Santiago a asinar o convenio para estender a liña P-2 de autobuses a Ortoño (Ames)

bus
bus

Este servizo beneficiará o tránsito da veciñanza entre Ames e Santiago, que inicia mobilizacións logo de 9 meses sen comunicación por transporte público

O BNG insta o alcalde de Santiago a asinar o convenio para estender a liña P-2 de autobuses a Ortoño (Ames)

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021.-  O grupo municipal do BNG de Santiago insta o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo a axilizar os trámites para asinar o convenio de colaboración entre os concellos de Santiago e de Ames coa Xunta para estender a liña P-2 de autobuses urbanos co obxectivo de facilitar as comunicacións en transporte público para a veciñanza de ambas as localidades e darlle servizo á parroquia de Ortoño, en Ames.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, que trasladará unha pregunta ao vindeiro Pleno, o Goberno local ten pendente de asinar un convenio de colaboración entre os concellos de Santiago de Compostela e de Ames e a Xunta de Galiza para a coordinación dos servizos de transporte público das súas respectivas competencias con orixe ou destino na parroquia de Ortoño. A veciñanza leva sen este servizo desde o 23 de decembro de 2020, polo que se acumulan xa 9 meses de agarda, un feito motivado polos cambios da entrada en vigor do Plan de Transporte Metropolitano da Xunta.

Sen custe económico para as arcas municipais de Santiago

Segundo este convenio, o servizo de transporte público colectivo á parroquia de Ortoño (Ames) será prestado pola empresa adxudicataria da xestión do servizo público de transporte urbano do concello de Santiago de Compostela mediante a extensión da liña urbana P-2, no traxecto de San Caetano, rúa da Senra e Laraño, con extensión a O Son en determinados horarios, o que beneficiará o tránsito de veciñanza entre ambas as localidades. Terá carácter provisional, durante 6 meses, que poderán ser prorrogados por períodos doutros 6 meses máis.

Ademais, o réxime de prestación de servizos obxecto deste convenio non significará incremento ningún de custos para o Concello de Santiago de Compostela e, neste senso, só asumirá o sistema de bonificación sociais daquelas persoas usuarias do servizo que estean empadroados no seu municipio. Ademais, o Concello de Ames asume a responsabilidade de compensar economicamente ao de Santiago pola extensión do servizo a que se refire este convenio.

 

 

 

O BNG insta o alcalde de Santiago a asinar o convenio para estender a liña P-2 de autobuses a Ortoño (Ames)