PLENO

O BNG propón un plan estratéxico de subvencións por concorrencia “para unha maior eficacia, eficiencia e control dos cartos públicos”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Reclama unha liña de axudas destinada a entidades que traballen no ámbito dos servizos sociais con recursos suficientes para que poidan desenvolver o seu labor neste período de especial dificultade derivado da crise da pandemia
O BNG propón un plan estratéxico de subvencións por concorrencia “para unha maior eficacia, eficiencia e control dos cartos públicos”

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021.-  O BNG trasladará unha proposición ao Pleno para a realización dun plan estratéxico de subvencións públicas por concorrencia e que se camiñe cara ao adelgazamento das subvencións nominativas de cara aos próximos orzamentos municipais. “Á vista dos datos, o Concello de Santiago débese dotar dun procedemento e dunha normativa necesaria que favoreza unha maior eficacia, eficiencia e control das axudas públicas, para o que resulta conveniente a redacción e posterior aprobación dese plan estratéxico de subvencións”, indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Mentres este plan non se realiza, o BNG defende que o Goberno local de Sánchez Bugallo se comprometa a elaborar unha liña de subvencións destinada a entidades que traballen no ámbito dos servizos sociais con recursos suficientes para que poidan desenvolver o seu labor neste período de especial dificultade derivado da crise da pandemia da covid-19, explicou.

Para a aprobación, seguimento e avaliación do plan estratéxico de subvencións, procederase á creación dunha Comisión de seguimento en que se integrarán a Intervención xeral do Concello, unha persoa representante de cada unha das áreas e entidades xestoras de subvencións, así como representantes de cada grupo político da Corporación.

“Co paso dos anos, detéctase un incremento progresivo e constante das axudas nominativas, que pasaron de 955.000 euros en 2015 a 1.618.208 euros en 2021, que supón un incremento do 69%, pese ás demandas de diversos colectivos para unha maior transparencia e igualdade de oportunidades”, sinalou Goretti Sanmartín.

No actual contexto, faise necesario un incremento das axudas públicas para entidades sociais, regulada e avaliada por proxectos, cunha colaboración especial para traballos que non funcione por rutina nin estabeleza cantidades sen ningún tipo de criterio.

 “Máis alá do cumprimento da legalidade, é evidente que a aposta pola libre concorrencia garante dunha maneira moito máis efectiva e transparente a asignación de cartos públicos a persoas ou entidades públicas ou privadas”, engadiu a portavoz municipal do BNG en Raxoi.

En xullo de 2016, o BNG xa trasladara a Pleno unha iniciativa relativa á conveniencia da redacción dun plan estratéxico de subvencións que camiñase cara ao adelgazamento das axudas nominativas co fin de favorecer unha maior eficacia, eficiencia e control dos cartos públicos. O grupo municipal do PSOE presentou, daquela, unha emenda de adición para que ese plan de subvencións se elaborase con medios propios e, ademais, propuña engadir un terceiro punto para que na aprobación, seguimento e avaliación dese plan estratéxico de subvencións se procedese a crear unha Comisión de seguimento. A emenda foi aceptada e o PSOE votou a favor da proposta do BNG.

“En coherencia coa súa votación de hai 5 anos, agardamos que o PSOE, hoxe no Goberno, vote a favor desta iniciativa do BNG e cumpra realizando o plan estratéxico de subvencións”, explicou Goretti Sanmartín.

O BNG propón un plan estratéxico de subvencións por concorrencia “para unha maior eficacia, eficiencia e control dos cartos públicos”