CONSORCIO
Goretti Sanmartín: “É necesario priorizar os investimentos do Consorcio para recuperar residentes na Cidade histórica”
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021.- O BNG trasladará ao Goberno local unha proposta para crear unha comisión con representación de todos os grupos municipais encargada de analizar e de priorizar os investimentos e os proxectos que se desenvolverán a través do Consorcio da Cidade de Santiago coa contía de 281.562.000 euros anunciada mediante o Real Padroado.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, o alcalde debe esixir que se incrementen as partidas dos Orzamentos Xerais do Estado e da Xunta de Galiza destinadas ao Consorcio da Cidade de Santiago, de xeito que se materialice a achega comprometida que foi anunciada mediante o Real Padroado.
Para o BNG é fundamental que esa achega atenda á racionalidade para a execución de proxectos encamiñados á revitalización da Cidade histórica, tanto para edificios públicos, como os da USC que dinamizan a actividade civil, como inmóbeis de particulares que cómpre rehabilitar e restaurar para que se adecúen ás necesidades de servizos básicos imprescindíbeis para gañar residentes na actualidade.
“Este investimento ten que ser unha oportunidade para Santiago de Compostela, para recuperar veciñanza e dinamización na Cidade histórica, antes de que sexa irreversíbel a súa deterioración”, explicou.
Así, puxo como exemplo a necesidade de investir na recuperación da Facultade de Xeografía e Historia, á que acoden máis de 1.500 persoas entre estudantes e profesorado, por ser un edificio emblemático de especial interese para que a Cidade histórica teña vida propia. Este inmóbel precisa unha adecuación ás necesidades de docencia actuais, xa que foi realizado entre 1769 e 1805, cun último andar que se engadiu a finais do século XIX. “As últimas obras importantes nesta Facultade foron realizadas hai 50 anos e non se seguiron criterios acordes coa conservación do patrimonio”, indicou. Ademais teñen problemas no forxado e nas instalacións eléctricas e de subministracións, que deben corrixirse.
Goretti Sanmartín lembrou que “existe un Plan director feito para este edificio que o Concello debe ter en conta” mais que, independentemente de que se aborde unha reforma ambiciosa, poden ir facéndose melloras parciais, por exemplo, no claustro e nos xardíns, xunto co plan de sustentabilidade, xa que hai fachadas que deitan auga.