PLENO
O BNG demanda que se atendan todas as solicitudes de actividades de conciliación, xa que non foron convocadas en prazo
Traslada unha moción ao Pleno para reprobar a actuación do concelleiro de Educación polo caos organizativo que lle provocou a centos de familias
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022.- O BNG traslada ao Pleno unha moción para reprobar a actuación do concelleiro de Educación por non convocar en prazo as actividades de conciliación e provocar graves problemas ás familias que precisan deste recurso. Goretti Sanmartín dálle “un suspenso para a Concellaría de Educación e este Goberno local neste final de curso”.
“É un pasotismo total que acompañou este concelleiro durante toda a súa traxectoria no cargo, pois na Semana Senta negouse a convocar actividades de conciliación argumentando que non había demanda”, indicou Goretti Sanmartín. É imposíbel que haxa demanda se as prazas se coñecen dous días antes de rematar o curso, cando moitas familias xa tiveron que facer un desembolso para actividades de conciliación no ámbito privado, e cando adxudicou o contrato a menos de 48 horas do inicio do servizo.
“Instamos o alcalde a que actúe directamente porque é o responsábel dos prexuízos que lle causa este Goberno local do PSOE ás familias, tanto en conciliación como en comedores”, explicou. Advirte tamén de que o alcalde faltou á verdade cando afirmou publicamente que había unha oferta de 1.942 prazas, cando isto é absolutamente falso, porque están divididas en quendas.
A Federación de Asociacións de Nais e Pais advertiu da falta de previsión do Goberno local na organización do programa municipal de conciliación do verán, que finalmente foi convocado o 30 de maio, cunha oferta máxima de 180 prazas por quenda. Como a demanda supera a oferta, realizouse un sorteo de prazas 24 horas antes do remate do curso escolar, froito do que quedaron fóra nenos e nenas en todas as quendas, superando a centena nalgunha delas; mesmo hai familias ás que aceptaron un dos fillos e o outro non, sen atender o criterio básico de organización para que os irmáns poidan estar xuntos nas actividades de verán.
“Como consecuencia disto, a poucas horas de remate do curso, moitas familias compostelás non saben como van facer cos nenos e nenas mentres acoden aos seus postos de traballo”, explicou Goretti Sanmartín.
O BNG xa presentou en diversas ocasións iniciativas sobre a necesidade de convocar un programa anual de actividades de conciliación para verán, Nadal, Semana Santa e entroido, de tal xeito que permita unha programación con anticipación, diversidade de actividades e prezos públicos.
“Desde o BNG consideramos necesario que se atendan todas as solicitudes presentadas, cunha ampliación da oferta, porque só así se garante o dereito de acceso universal a este servizo”, indicou. “Está pendente, polo tanto, aplicar este acordo plenario desde novembro de 2016”, engadiu.
Ademais, é necesario que neste programa se inclúan sistematicamente actividades tamén durante o mes de agosto, pois son moitos pais e nais que traballan nese período e precisan actividades, campamentos urbanos e obradoiros municipais para as crianzas.