PLENO

O BNG demándalle ao alcalde que non abandone o proxecto do parque das Hortas

Hortas
Campo das Hortas

Trátase dun lugar emblemático de superficie agraria útil que estaba preparado para entrar en funcionamento como hortas públicas e volve estar cheo de maleza

O BNG demándalle ao alcalde que non abandone o proxecto do parque das Hortas

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2019.- O grupo municipal do BNG demándalle ao Goberno local do PSOE que non abandone o proxecto de recuperación do parque das Hortas, que volve estar cheo de maleza.

A iniciativa do BNG sobre o parque das Hortas fora aprobada no Pleno de xaneiro de 2016 e púxose en marcha a inicios deste ano, cando se rozaron as leiras para poñelas a disposición das persoas solicitantes logo de chegar a acordo coas persoas propietarias dos terreos da parte privada. Deste xeito, no Campo das Hortas acondicionáronse 53 pequenas leiras, cunha superficie media de 60 metros cadrados e cunha extensión total de 4.112 metros cadrados. O prazo para solicitalas foi do 10 ao 21 de xuño, cando xa estaban limpas e preparadas para entraren en funcionamento.

Mes e medio despois, a maleza volve invadir o Campo das Hortas, en vez de continuar co traballo realizado que debera servir para convertelo nun atractivo parque urbano compatíbel coas hortas públicas. Trátase dun lugar emblemático de superficie agraria útil que cómpre poñer a producir ao tempo que se transforma nun gran parque de dimensións superiores á praza do Obradoiro, para o goce da veciñanza e das persoas que visitan a cidade.

O BNG demándalle ao alcalde que non abandone o proxecto do parque das Hortas