INSTITUCIONAL
O BNG destaca “a inercia, a falta diálogo e de proxecto do Goberno do PSOE en Santiago” no ecuador deste mandato
Goretti Sanmartín e Navia Rivas anuncian que proseguirán co traballo para trasladar propostas en positivo da veciñanza e de colectivos ao Pleno
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021.- No balance do segundo aniversario das eleccións municipais, o grupo municipal do BNG destacou “a inercia, a falta de diálogo e de proxecto para Santiago de Compostela do Goberno do PSOE”, ademais de sinalar que o alcalde actúa “con servilismo e como delegado da Xunta no Concello”. Goretti Sanmartín e Navia Rivas fixeron estas declaracións durante un almorzo informativo cos medios de comunicación locais.
Nesta avaliación, Goretti Sanmartín advertiu que “unha das facetas habituais do alcalde é actuar de delegado da Xunta no Concello”, como se puido comprobar esta pasada fin de semana cunha “actitude de submisión” co presidente da Xunta e coa conselleira de Infraestruturas. “En vez de lembrar os numerosos compromisos que aínda ten a Xunta con Santiago como o incremento da achega económica ao Estatuto de Capitalidade, onde votou en contra da nosa proposta no Pleno e logo o PSOE reclamou o mesmo no Parlamento”, cando quedou a mesma asignación aprobada a semana pasada no Consello da Xunta. Lembrou que o mesmo acontece co Consorcio e que está pendente a ampliación do Conservatorio de Música e da Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio de Danza, máis prazas de escolas infantís, a reforma do mapa escolar e un novo centro de día, entre outros.
Proseguiu co compromiso de denominar Daniel Castelao a estación intermodal, as obras pendentes da humanización da rotonda de Conxo “ou que non deixe abandonada a vella terminal da Lavacolla e que poña enriba da mesa a necesaria estación de mercadorías da Sionlla, mais o alcalde móstrase satisfeito e asume como bos proxectos e infraestruturas que veñen de moi atrás e que nin sequera son os mellores proxectos para a capital do país”.
Esta actitude de submisión contrasta coas malas relacións coa Universidade, coa negativa a convocar os consellos de participación cidadá para escoitar a veciñanza “e coa oposición sistemática ás demandas de barrios e parroquias, como vimos recentemente no caso do Imelga”. Referiuse a incumprimentos programáticos como o compromiso de solucionar o problema da parcela de Peleteiro en tres meses, a licitación de grandes contratos, onde só se fixo o da recollida de residuos e cando mantén en precario o do transporte, iluminación, servizo de conserxaría dos CEIP, matadoiro, entre outros. Advertiu que “tampouco se puxo en marcha nada do contido no Pacto polo Rural e a demora en facer realidade o biopolo da Sionlla e poder apostar por máis emprego e o retorno do talento emigrado, o incremento inexplicábel de prezos das actividades de conciliación e a decisión de eliminar estas actividades no entroido, Semana Santa e no verán”.
Máis luces, máis propaganda e menos democracia
“Bugallo pretende seguir a estela de Caballero con máis luces, máis propaganda, máis publicidade, cando conforma un Goberno en minoría que actúa como se tivese maioría absoluta e nega a democracia do Pleno”, explicou. Aludiu, así, ás numerosas iniciativas da oposición que se aprobaron no Pleno con abstención do PSOE. Mesmo o Goberno non desenvolveu iniciativas aprobadas por unanimidade, como as bonificacións para familias monoparentais, o cobro ás eléctricas por utilización de dominio público, activación dos consellos de participación cidadá, novo modelo de comedores escolares de acordo ás peticións das ANPA ou a dotación dun Centro galego de fotografía para Compostela.
Cualificou o Goberno local do PSOE de “incapaz” de aprobar uns orzamentos porque non dialoga con ninguén e ten que os vincular a unha fórmula especial como a moción de confianza que só mostra a súa debilidade e que engana a poboación utilizando cifras para remanentes nun proceso que deixa en evidencia a falta de execución orzamentaria. “Aquilo que se criticaba do Goberno de CA, a falta de xestión e a cantidade de diñeiro que ano a ano non se gastaba e ía para os bancos, continúa a ser a tónica dominante dun goberno que só consegue executar 27 de cada 100 euros que ten para investimentos”, explicou.
Sinalou tamén “a falta de xestión e ineficacia” como causante da “pésima implantación dunha administración electrónica” que está a provocar importantes prexuízos á veciñanza, cun teléfono de atención ao contribuínte que non funciona e un sistema cada vez máis burocratizado.
100 mocións e proposicións do BNG con demandas veciñais e sociais
O Goberno do PSOE está dividido, sen un modelo de cidade, que actúa a golpes de efecto e parches, con dous anos de políticas conservadoras e de perda de oportunidades de Santiago se situar na vangarda de políticas transformadoras. Así, o BNG convértese en líder da oposición “ao ser referente público de traslado de demandas veciñais, culturais e sociais ao Pleno, con case 100 mocións e proposicións defendidas nos plenos, para alén de numerosos rogos, preguntas e interpelacións dirixidas ao goberno”. “A chave está no diálogo que practica o BNG mentres o PSOE se pecha en banda a negociar como aconteceu coa ordenanza de bicicletas, artistas de rúa, conflitos sindicais das empresas concesionarias”, explicou. “O BNG considera que Bugallo actúa de portavoz de dous partidos, do PSOE e do PP”, engadiu.
Pola súa parte, a concelleira Navia Rivas explicou que “fronte a esta actitude de prepotencia e de soberbia, o BNG desenvolveu un traballo serio e rigoroso, levando ao pleno as demandas dos barrios e das parroquias e poñendo sobre a mesa temas de vital interese para Compostela”. Fixo mención ao plan de recuperación para os sectores máis afectados pola pandemia como hostelaría, comercio e cultura.
“Apostamos por un Santiago vangardista nas políticas ambientais, non só coa proposta de modificar os pregos do novo contrato de recollida do lixo, senón presentando un plan contra os incendios, outro para recuperar parques e xardíns ou esixindo que se mova ficha para levar a concentración parcelaria a lugares, como Figueiras, que levan 30 anos a agardar por ela”, explicou.
Aludiu tamén ás modificacións na política fiscal, para que esta sexa progresiva, para que paguen as grandes empresas eléctricas e de enerxía polo uso do dominio público e para que se estabelezan bonificacións para colectivos máis desfavorecidos, familias monoparentais, ademais de levar reivindicacións dos colectivos feministas e LGBT, como a apertura dun centro de asesoramento LGBT ou a necesidade de que funcionen protocolos contra a violencia e acoso de maneira colaborativa e sen implicar a revitimización das mulleres. Ademais, o BNG insistiu en modificar o modelo de comedores escolares e a política educativa, ademais de ser “a voz dos barrios, con propostas de mellora e reclamacións para as Fontiñas, a Almáciga, o Castiñeiriño, San Pedro, a Cidade histórica, o Ensanche, Conxo ou o rural”.
O BNG tamén incluíu a memoria histórica na axenda política, conseguindo que se creasen unha Comisión de Persoas Expertas para presentar unha nova demanda contra os Franco e recuperar as estatuas do Mestre Mateo; unha Comisión de Memoria Histórica do Concello e continúa a reclamar unha homenaxe debida a Ánxel Casal, que aínda carece dunha estatua cando foi un alcalde fusilado no ano 1936.
Así, anunciou que “este BNG á alza continuará con propostas en positivo”. A partir de agora, nesta fase de recuperación pandémica, intensificaremos as visitas a barrios e parroquias, as entrevistas con asociacións, colectivos e sectores. “Porque temos moito por gañar e por facer e unha militancia entregada que transmite a nosa mensaxe de que este é o momento do BNG”, sinalou Navia Rivas.