PLENO
O BNG propón melloras de seguranza viaria na Almáciga
Beirarrúas estreitas e colectores nos cruzamentos dificultan o paso e a visibilidade
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021.- O BNG traslada ao Pleno a necesidade de adoptar medidas para mellorar a seguranza viaria e accesibilidade, tanto para vehículos como para persoas que transitan a pé, nos cruces de San Roque a Tras Santa Clara, ademais de na travesa dos Basquiños, todas elas no barrio da Almáciga.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal, o BNG recibiu diversas queixas de problemas derivados da falta de espazo e visibilidade para peóns e vehículos no barrio da Almáciga, que están a dificultar a mobilidade e accesibilidade.
En concreto, a beirarrúa de San Roque a Tras Santa Clara faise máis estreita no cruce, sen que poidan pasar persoas con mobilidade reducida ou con carriños de bebé, e o propio paso de peóns está pintado sobre o propio enlousado. Neste caso, demandan que se busquen fórmulas para ensanchar esta beirarrúa para mellorar a seguranza viaria e a accesibilidade.
Outro dos puntos onde se rexistran problemas de seguranza é na travesa dos Basquiños onde é necesario cambiar os colectores de residuos deste emprazamento para que persoas condutoras de vehículos teñan máis visibilidade en cada cruce, co fin de evitar que teñan que ocupar o paso de peóns e mesmo parte do seguinte carril para poderen ver cando teñen que incorporarse á vía.