PLENO

Navia Rivas: “O BNG propón unha intervención no Parque Carlomagno, nas Fontiñas, para mellorar o seu aproveitamento”

Navia Rivas
Navia Rivas

Traslada ao Pleno unha nova configuración en socalcos, con circuítos para pasear e correr, para evitar aglomeracións nesta zona verde

Navia Rivas: “O BNG propón unha intervención no Parque Carlomagno, nas Fontiñas, para mellorar o seu aproveitamento”

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021.-  O grupo municipal do BNG proporá no Pleno de maio realizar unha actuación no Parque de Carlomagno, nas Fontiñas, con novos percorridos en socalcos que permitan un mellor aproveitamento e utilidade desta zona verde.

“A veciñanza das Fontiñas trasladou a proposta de realizar unha nova ordenación da aba deste monte, cunha configuración en socalcos, que permita crear novos espazos distribuídos en circuítos destinados a pasear e correr co obxectivo de tirar maior rendemento a este parque de acordo coas necesidades actuais derivadas do crecemento da poboación e dos novos hábitos após o confinamento”, explicou Navia Rivas, concelleira do BNG.

Este parque conta cunha escaleira para o tránsito de subida e baixada, para salvar as fortes pendentes, desde a que sae unha zona chaira para pasear flanqueada por chopos negros ou lamigueiros na zona superior e por falsas acacias do Xapón na inferior. Se xa era un lugar frecuentado pola veciñanza das Fontiñas con anterioridade á pandemia da covid-19, na actualidade require unha adecuación para o mellor aproveitamento desta zona verde.

Isto debe ir acompañado da instalación e mantemento de novas fontes, bancos para descansar e espazos de sombra, co fin de gañar utilidade e de tirar mellor proveito do pronunciado desnivel desta zona verde, para que poida ser espazo de encontro para xente de todas as idades. Así, cada liña disporá de visión en formato panorámico sobre a paisaxe urbana e serán moitas máis as persoas que poidan gozar este emprazamento con maior amplitude de espazo, con percorridos en forma de circuítos sobre este outeiro e sen formaren aglomeracións.

Este Parque de Carlomagno, tamén coñecido como Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira, é un enclave singular que se eleva a 326 metros sobre o nivel do mar e desde o que se contempla o barrio das Fontiñas e a retícula da cidade de Santiago de Compostela. Con esta actuación pode ser tamén o momento de unir este parque de Carlomagno co estadio de San Lázaro, para facilitar o tránsito a pé destes dous enclaves e gañar novas zonas de paseo.

 

 

Navia Rivas: “O BNG propón unha intervención no Parque Carlomagno, nas Fontiñas, para mellorar o seu aproveitamento”