INTERMODAL

O BNG fai un acto simbólico para reivindicar a denominación “Daniel Castelao” na estación intermodal

Acto simbólico coa figura de Castelao na estación intermodal
Acto simbólico coa figura de Castelao na estación intermodal

Goretti Sanmartín lembroulles á presidenta do ADIF e á conselleira de Infraestruturas o acordo para difundir a obra do autor do “Sempre en Galiza”

O BNG fai un acto simbólico para reivindicar a denominación “Daniel Castelao” na estación intermodal

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021.-  O BNG reclama que se axilice a tramitación para poñerlle o nome de Daniel Castelao á estación intermodal e incluír a súa tipografía e un espazo expositivo do autor do “Sempre en Galiza”. Así, un grupo de militantes acompañaron as concelleiras Goretti Sanmartín e Navia Rivas, coa figura de Castelao, nunha acción simbólica para reivindicar que se faga efectivo este acordo plenario adoptado por unanimidade.

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, durante o acto de inauguración da estación de autobuses, trasladoulle á presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera, como tamén fixera á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o contido do acordo para que poñan en marcha este compromiso e realicen as xestións necesarias para facelo efectivo.

Con esta proposta, segundo lles explicou Goretti Sanmartín, quérese que esta nova instalación contribúa a divulgar Daniel Castelao, pois constitúe unha oportunidade para dar a coñecer a obra deste político e intelectual de referencia no noso país nun emprazamento que vai ser punto de encontro para milleiros de persoas cada día que entran e saen da capital de Galiza.

Lembroulles que en xaneiro de 2019 se aprobou a proposición do BNG para designar a estación intermodal de Santiago de Compostela co nome “Daniel Castelao”, ademais de incluír a súa tipografía e unha exposición permanente no seu interior coa obra do autor do “Sempre en Galiza” para dar a coñecer a súa traxectoria cultural e política.

O BNG reiterou a petición deste acordo en setembro de 2020, xa neste mandato municipal, para que o actual Goberno local instase tanto o Goberno da Xunta como o do Estado e ADIF a incluíren partidas específicas para aplicar este deseño no interior e no exterior desta infraestrutura que está en fase construtiva. Tamén formulou a pregunta no Pleno de abril de 2021 para facer seguimento e tendo en conta que a inauguración ía ser un mes despois e ese traballo estaba sen realizar.

Ademais, avanzou que o BNG trasladará esa petición tamén no Congreso, mediante o deputado Néstor Rego, para que inclúan esa exposición permanente sobre Castelao no proxecto da estación de tren, ademais da rotulación e a tipografía, onde conste a denominación oficial de “Estación Intermodal Daniel Castelao”.

O BNG fai un acto simbólico para reivindicar a denominación “Daniel Castelao” na estación intermodal