PLENO

O BNG traslada ao Pleno de Santiago e ao Congreso o rexeitamento á intención do Goberno de aplicar peaxes nas autovías estatais

Campaña autovías sen peaxe
Campaña autovías sen peaxe

Esta medida é un roubo e un agravio ao noso país, ao provocar maior inseguranza viaria e atrancos á economía e á cohesión social

O BNG traslada ao Pleno de Santiago e ao Congreso o rexeitamento á intención do Goberno de aplicar peaxes nas autovías estatais

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021.-  O BNG trasladará ao Pleno do Concello de Santiago e ao Congreso iniciativas para transmitir o rexeitamento á intención do Goberno español de estabelecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por consideralas unha medida regresiva que crea barreiras económicas no acceso a servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguranza viaria e supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza.

En declaracións aos medios, a portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, e o deputado no Congreso Néstor Rego, acompañados dun grupo de militantes do BNG, solicitaron “un pronunciamento rotundo por un tratamento discriminatorio e inxusto que afonda nos problemas sociais e económicos de galegas e galegos”. “Esperamos que esta moción no Pleno en Santiago do próximo luns teña o apoio de todos os grupos da Corporación e que sirva para que tome nota o Goberno estatal do que pensa a poboación galega que está totalmente sensibilizada con este tema”, explicou Goretti Sanmartín.

Pola súa parte, Néstor Rego advertiu que o cobro de portaxes nas autovías “concita un amplo consenso da idea de que sería moi negativa para o noso país”. Lembrou que esta semana se aprobou por unanimidade esta proposta do BNG no Parlamento galego e que o BNG no Congreso xa rexistrou diversas iniciativas neste sentido.

“Polas condicións do noso país ocupamos unha posición periférica do punto de vista xeográfico no Estado español e en Europa e, polo tanto, a necesidade das vías terrestres sen alternativas é moito maior que noutros territorios”, sinalou. O problema en que radica esa discriminación con Galiza é que sen alternativas de transporte público por estrada, de transporte ferroviario nin de mercadorías, “esta medida resulta antiecolóxica, antisocial e antigalega porque expulsaría as clases populares das autovías, xa que os ricos sempre van poder pagalas, e encarecería os custes de produción empresariais, particularmente daquelas que exportan cara a Europa”.

Aplicar estas peaxes nas autovías afonda tamén nunha discriminación previa, pois en Galiza hai dúas das autoestradas con concesións de longa duración, a AP-9 e a AP-53, cando o Goberno español non cumpriu o compromiso de rebaixar as peaxes e anuncia que vai colocar novas peaxes nas autovías estatais sen alternativas, “non se trata dunha medida verde, é un roubo e un agravio ao noso país”.

Unha medida destas características tería un efecto máis negativo en Galiza, advertiu, porque unha parte dos vehículos que hoxe usan as autovías, pasarían a utilizar vías convencionais que non son adecuadas, que xa están colapsadas e isto pode supor un incremento de accidentes e de falecementos cando o obxectivo debe ser tender a reducir as vítimas de sinistralidade viaria. Unha medida deste tipo vai incrementar os accidentes e os gastos social e sanitario pola poboación dispersa, afirmou.

“Parece difícil de crer que un Goberno que se autodenomina progresista nunca tome en consideración propostas deste tipo relativas a gasto social, gasto sanitario e vidas humanas”, engadiu o portavoz do BNG no Congreso.

Neste sentido, Néstor Rego reclamou que o Goberno español “primeiro faga os deberes, que baixe as portaxes da autoestrada da AP-9 e que a transfira para que poida ser galega e sen portaxes”, ademais de traballar na mellora de transportes máis sustentábeis, do ferrocarril de mercadorías e de pasaxeiros/as.

O BNG traslada ao Pleno de Santiago e ao Congreso o rexeitamento á intención do Goberno de aplicar peaxes nas autovías estatais