SENTENZA
O BNG esixe a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para pedir explicacións sobre a quinta prórroga da ORA e as consecuencias no proceso de municipalización deste servizo
Aprobouse sen informar os grupos da oposición, o que denota unha “falta de transparencia e de lealdade institucional”
Rubén Cela: “Levamos máis dun ano denunciando que era un erro do grupo de Goberno non diferenciar a execución dunha sentenza xudicial dun proceso lexítimo de remunicipalizar un servizo externalizado”
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, reclamou unha Xunta de Portavoces urxente para pedirlle explicacións ao alcalde de Santiago sobre a aprobación da quinta prórroga do servizo da ORA e do guindastre á empresa Setex-Aparki após unha sentenza de 2015 que anulou ese contrato, para saber se este acordo vai ter consecuencias na folla de ruta sobre o proceso de municipalización do servizo da ORA e do guindastre.
Este acordo de Compostela Aberta adoptouse nunha Xunta de Goberno extraordinaria do venres 29 de abril, sen dar conta aos medios de comunicación nin aos grupos de oposición, o que denota unha “falta de transparencia e de lealdade institucional”, advertiu Rubén Cela.
A primeira prórroga deste servizo aprobouse en outubro de 2015, pese a que en setembro de 2015 había unha sentenza que declaraba nulo ese contrato; houbo unha segunda en xuño de 2016; a terceira en xullo de 2016 e a cuarta en outubro de 2016 que remataba o 31 de xaneiro de 2017. Naquel momento, o BNG preguntou que ía facer o Goberno local “porque aí remataba o tempo máximo dese contrato e contestou que non se ía volver prorrogar aínda que se mantivese o contrato en precario alegando a necesidade de dispor deste servizo, supostamente, esencial”.
“Como anécdota, porque pode ser unha gralla”, dixo, “este acordo ten data do 28 de abril e a proposta do concelleiro para realizar a prórroga é do sábado 29 de abril, pero o máis sorprendente é que levamos máis dun ano denunciando que era un erro do grupo de Goberno non diferenciar a execución dunha sentenza xudicial dun proceso lexítimo de remunicipalizar un servizo externalizado”. Ademais, advertiu que nos últimos meses houbo tres requirimentos xudiciais sobre a execución desta sentenza (31 de xaneiro, 7 de marzo e 26 de abril) a instancias da empresa que quedou segunda que reclama tamén unha indemnización económica.
O BNG demandará tamén explicacións a teor dun informe do director da asesoría xurídica que foi a esa Xunta de Goberno onde di que “agora ocorre unha circunstancia nova: o feito de que se suscitase o incidente de execución de sentenza e o Xulgado estea a piques de se pronunciar sobre a forma concreta en que se debe cumprir a sentenza pode ser unha relevancia esencial na xestión futura do servizo; por esa razón se antes apremiaba tomar unha resolución inmediata no procedemento de xestión do servizo que evitase invocando o artigo 35 da Lei de Contratos do Sector Público novas prórrogas na continuidade de Settex, agora a prudencia aconsella non tomar ningunha decisión que sexa irreversíbel perante expectativa dunha inmediata resolución xudicial no incidente de execución”.