SERVIZOS SOCIAIS
O BNG cuestiona que se perdan recursos económicos para o servizo de axuda no fogar mentres hai persoas sen atender
Atribúe a responsabilidade aos pregos elaborados na etapa do PP, á mala xestión de CA e á propia empresa
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cuestionou o feito de que se perdan fondos económicos destinados ao servizo de axuda a domicilio e que queden persoas sen atender.
Segundo explicou Rubén Cela, en Santiago de Compostela hai 76 persoas que teñen asignada axuda a domicilio para atender necesidades básicas de alimentación, aseo, coidados médicos e desprazamentos, entre outra atención, ademais doutras 123 en listaxe de agarda, potenciais beneficiarias dun servizo básico. Neste sentido, o Concello só empregou 3.226 horas das 8.930 que lle asignou a Xunta.
Así, atribuíu a un problema dos pregos de condicións técnicas aprobadas na etapa do PP, que non estimaban a eventualidade da ampliación do contrato e os servizos técnicos municipais fan valer a Lei de Contratos do Sector público que di que non se pode alterar no máximo dun 10% do seu importe.
Mais tamén ten parte de responsabilidade Compostela Aberta, porque o concurso que gañou a empresa Valoriza, filial da construtora Sacyr, rematou o 28 de abril, mais o Concello prorrogou 8 meses máis á actual concesionaria a pesar das críticas das persoas usuarias e persoal contratado e de que a propia empresa manifestase que non tiña interese en seguir a prestar este servizo.
Cómpre lembrar que o 21 de novembro de 2016 o Concello de Santiago contratou unha empresa externa para a realización dos pregos para sacar un novo concurso, polo que o BNG realizou unha pregunta oral no Pleno de xaneiro onde o Goberno de Compostela Aberta explicou que estaba a ultimar a redacción dos pregos. “Estamos no mes de maio e aínda non está feita esa licitación”, sinalou Rubén Cela, “nun servizo onde hai queixas de persoas usuarias e traballadoras é o Concello quen lle obriga á empresa a continuar, cando debera ser especialmente sensíbel, coidadosa e celosa cun contrato destas características; polo que no BNG entendemos que hai unha responsabilidade compartida entre o PP, CA e a propia empresa”.