RESIDUOS
O BNG esixe que se devolva o importe das bonificacións de lixo por recollida de días alternos, que supón máis de 200 euros por vivenda
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021.- O BNG proponlle ao alcalde que realice as xestións necesarias para devolver os cartos cobrados de máis por Viaqua ás persoas que contan con bonificacións no recibo do lixo pola recollida en días alternos, ademais de aplicar esta redución a partir desa regularización.
Este desconto non se aplica en recibos de recollida de residuos do rural compostelán, que van incluídos na factura que emite a concesionaria de augas Viaqua, pese especificar o concepto de “recollida en días alternos”, e a ter dereito a unha bonificación do 40% segundo consta nas ordenanzas fiscais.
De feito, segundo documentación que dispón o BNG, un particular reclamoulle a Viaqua estes cobros indebidos que lle foron reembolsados, polo que conseguiu 416,99 euros polos últimos dous anos, e agora ten pendente a devolución por parte do Concello de Santiago das anteriores anualidades, toda vez que a empresa concesionaria xa realizou a liquidación co ente municipal.
Por estes motivos, o BNG reivindica que esta bonificación sexa aplicada de xeito automático a todas as vivendas que teñan recollida de residuos en días laborábeis alternos, posto que dispoñen deste servizo a metade dos días.
Ademais, cómpre esclarecer se na liquidación que fan Viaqua e Urbaser anualmente co Concello de Santiago figuran eses descontos aplicados, pois é unha contía que supón máis de 200 euros anuais por cada vivenda do rural onde a recollida de residuos se realiza en días alternos.