PLENO

O BNG reclama que se active o protocolo de protección contra as violencias de xénero para evitar a revitimización de mulleres e menores cando declaran

Noa Presas e Goretti Sanmartín
Noa Presas e Goretti Sanmartín

A portavoz en Santiago Goretti Sanmartín e a deputada Noa Presas presentaron as iniciativas que trasladarán ao Pleno do Concello e do Parlamento

O BNG reclama que se active o protocolo de protección contra as violencias de xénero para evitar a revitimización de mulleres e menores cando declaran

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021.-  O BNG trasladará ao Pleno do Concello de Santiago e do Parlamento iniciativas para activar o protocolo de protección contra as violencias de xénero contra os delitos sexuais, asinado en febreiro de 2020, co obxectivo de evitar a revitimización de mulleres e menores que sufriron agresións, ao ter que declarar reiteradas veces durante todo o proceso de denuncia xudicial, o que supón un sufrimento engadido ao reviviren a experiencia traumática.

Segundo explicou en rolda de prensa a deputada Noa Presas, “para o BNG é de extrema importancia a atención ás violencias machistas e que as institucións non durman nos loureiros nestes tempos en que a covid-19 acapara boa parte das iniciativas e da actualidade política”, pois as agresións de xénero seguen a producirse “e estamos obrigadas a seguir traballando para mellorar a súa atención”.

“Se hai un debate que o feminismo conseguiu colocar na sociedade a través das grandes mobilización e toma de conciencia colectiva dos últimos anos é o da violencia sexual como unha forma de violencia machista que precisa dunha resposta adaptada á súa realidade”, manifestou Noa Presas.

Porén, os datos da macroenquisa estatal de violencia sexual (2019) revelan que o 13,7% das mulleres maiores de 16 anos en España sufriron violencia sexual durante a súa vida e o 1,8% nos últimos 12 meses. “Facendo a equivalencia a Galiza, estariamos falando de 181.047 mulleres que sufriron violencia sexual na súa vida e de 23.787 que a sufriron no último ano”, explicou, o que require unha resposta social.

Preocupa tamén o baixo número de denuncias, indicou, pois nesta enquisa recóllese que só o 8% das agresións son denunciadas e o propio Consello Xeral do Poder Xudicial fai unha estimación de que máis do 80% dos casos quedan sen xulgar e quedan impunes. Cando se pregunta polos motivos para non denunciar, sinálase “a vergoña e o traumático que é o proceso da tramitación xudicial para as mulleres”. “Todas as administracións teñen que traballar que as mulleres se sintan atendidas e protexidas para denunciar, co fin de evitar a vitimización secundaria do propio ámbito xudicial”, explicou Noa Presas. De feito, logo dunha denuncia unha muller ten que expoñer a súa vivencia traumática a numerosos axentes: na comisaría, avogados e avogadas e no propio xulgado e non sempre co apoio adecuado.

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG en Santiago, lembrou que o Concello está adherido ao protocolo de actuación sobre delitos sexuais desde o 24 de febreiro de 2020, destinado á protección das vítimas de violencias de xénero e a incrementar a coordinación política, xudicial e das forzas e corpos de seguridade para evitar a revitimización. “Neste protocolo búscase que a declaración da vítima sexa unha única, fundamentalmente que se faga nos xulgados, gravada e co acompañamento xurídico e psicolóxico debidos, para que sirva para as distintas instancias; e isto pode axudar a combater a revitimización das mulleres”, indicou.

Este protocolo é válido tamén para menores e persoas con diversidades funcionais, polo que debería ser un modelo para achegar ao ámbito educativo, como reclamaron diversas asociacións e sindicatos.

Así, defende que a posta en marcha deste protocolo “suporía un revulsivo grande para que as mulleres se animasen a denunciar e que ese paso non fose máis castigo e sufrimento”. O BNG quere trasladar a activación deste protocolo subscrito no partido xudicial de Santiago a todo o país, mediante a iniciativa que tamén trasladará ao Parlamento galego.

Deste xeito, o BNG reclamará que o Concello de Santiago, a través da convocatoria da Mesa local de Coordinación contra as violencias de xénero, inste as forzas e corpos de seguridade e os organismos do ámbito xudicial que correspondan, a aplicaren este protocolo sobre delitos sexuais no partido xudicial de Santiago de Compostela co obxectivo de evitar as duplicidades do procedemento e a revitimización das mulleres e crianzas agredidas.

 

O BNG reclama que se active o protocolo de protección contra as violencias de xénero para evitar a revitimización de mulleres e menores cando declaran