MUNICIPALIZACIÓN

O BNG esixe un plan de control dos servizos externalizados

“Pódese facer en paralelo a estes procesos pendentes de remunicipalización”, afirma Rubén Cela

O BNG esixe un plan de control dos servizos externalizados

“Corresponde ao Concello vixiar o número de persoas traballadoras e as condicións laborais que figuran no contrato das empresas que prestan estes servizos externalizados mais non se realiza”

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, esíxelle a o Goberno local que habilite un plan para o control das empresas que prestan servizos municipais externalizados.

Para Rubén Cela, é hora de que este Concello “empece a tomar medidas para mellorar o control e a inspección dos servizos externalizados”. “No BNG estamos a favor da asunción directa deses servizos, pero mentres non se poida facer é imprescindíbel aplicar un plan de control que non se realiza”, sinalou.

Os servizos públicos da auga, recollida do lixo, parques e xardíns, iluminación pública, comedores escolares, atención a domicilio que están externalizados “non teñen o mínimo control por parte da administración”. “Non hai mellor investimento que poida facer hoxe o Concello de Santiago que crear un departamento de inspección e de fiscalización dos servizos externalizados”, asegurou. Na actualidade, os departamentos competentes non teñen capacidade real, nin persoal nin tempo para exercer ese labor de fiscalización.

O BNG xa o propuxo en diversas ocasións, a última delas na negociación dos Orzamentos 2017. No Goberno local comprometéronse a habilitar policías en segunda actividade, arquitectos e técnicos que poderían valer para mitigar a situación, mais a un Concello de case 100.000 habitantes correspóndelle un departamento con traballadores/as públicos, para o que non hai que crear novas prazas senón realizar unha reestruturación do cadro de persoal que inspeccione aleatoriamente e por sorpresa os diferentes servizos, que comprobe se as empresas concesionarias cumpren co que marcan os pregos de contratación e, en caso de que non o fagan, proceder ás sancións pertinentes.

“Para iso non hai que esperar, non hai un marco legal que o limite e pódese facer en paralelo a estes procesos pendentes de remunicipalización”, indicou.

Así, puxo como exemplo que o contrato do servizo de recollida de residuos ten a obriga de limpar unha vez ao mes os contedores no ámbito urbano e unha vez cada tres meses no rural, “non debera acontecer que o Concello teña constancia de que non se limpan máis que unha vez ao ano e non se actúe”. Do mesmo xeito que lle corresponde ao Concello vixiar o número de persoas traballadoras e as condicións laborais que figuran no contrato das empresas que prestan estes servizos externalizados e tampouco se realiza.

O BNG esixe un plan de control dos servizos externalizados