TRANSPORTE

O BNG esixe a urxente mellora do servizo de transporte na comarca de Santiago

Concelleiros e concelleiras do BNG da comarca de Compostela
Concelleiros e concelleiras do BNG da comarca de Compostela
Cargos nacionalistas de concellos e Parlamento reclaman o fin das deficiencias no servizo público de mobilidade
O BNG esixe a urxente mellora do servizo de transporte na comarca de Santiago

Santiago de Compostela, 10 de octubro de 2022.- Representantes do BNG nos concellos da comarca e no Parlamento concentráronse na estación de autobuses de Santiago de Compostela para esixir o fin das graves deficiencias e a mellora dos servizos públicos de transporte. Demandan un estudo de necesidades de mobilidade na comarca e o cumprimento dos contratos.

Liñas insuficientes, prazas escasas, impuntualidade nos horarios e autobuses con deficiencias son algunhas das razóns que o BNG pon sobre a mesa para cualificar a situación do transporte público na comarca de Santiago como "caos total" do que se prexudican as veciñas e veciños e, de maneira especial, o estudando que se ve obrigado a buscar vías alternativas para asistir aos seus centros de ensino.

Por estas razóns, concelleiras e concelleiros da comarca, xunto co deputado Paulo Ríos e a deputada Iria Carreira, concentráronse na estación de autobús de Santiago de Compostela para esixir o fin desta situación e a mellora urxente do servizo de mobilidade.

 "A situación era xa moi deficiente antes do inicio do curso e agora, coa aplicación de bonificacións, agravouse por completo sendo un caos en toda a comarca", sinala o deputado nacionalista Paulo Ríos dun servizo que, segundo apunta "lle custa máis de trinta millóns de euros aos galegos e galegas cada ano e está a ser completamente deficitario.    

Neste sentido, o BNG denuncia os incumprimentos do contrato por parte da empresa Mombus que ten a concesión do 80% do transporte público diante da parálise da Xunta "que non está a tomar medidas para que se cumpran os acordos".

"Comprobamos que hai autobuses que non cumpren as condicións mínimas, paradas que non se fan, falta de frota... caos absoluto", sinala Paulo Ríos que reclama ademais un estudo de necesidades para responder ás urxencias da veciñanza.

Pola parte, a deputada Iria Carreira denuncia que no caso da comarca de Santiago, "as liñas están colapsadas, en especial en horas punta, faltan prazas, non se respectan as paradas nin os horarios establecidos nin se adaptan ás necesidades de poboación".  Insiste en que o comezo de curso complicou máis a situación, incrementado tamén pola decisión de moito estudando de non residir en Santiago polo alto prezo da vivenda. "En canto ás liñas de transporte escolar, as condicións son insostíbeis, con alumnado que ten que agardar unha hora no centro ou chegar tarde a casa ou que teñen que ir de pé nos autobuses nunha situación gravísima", apunta a deputada que lamenta que se fagan campañas para o uso de transporte público e ao tempo se deixe á xente en terra.

Tarde, completos, poucos

Concelleiros e concelleiras recolleron as distintas demandas da veciñanza e as queixas polas deficiencias do transporte que afectan á totalidade dos municipios da comarca. A tardanza, a escaseza de servizos e a falta de prazas son algúns dos problemas que denuncian e que afectan, de maneira especial, á poboación estudantil.

Desta maneira, apuntan que os problemas cos horarios son importantes no colexio de Calo e no IES de Cacheiras onde os rapaces chegan a ir de pé. Bertamiráns e Negreira tamén denuncian deficiencias que levaron á mobilizacións das Anpas.

En concreto en liñas como as de Santiago a Bertamiráns das 14:45 e na de Noia-Brión-Bertamiráns-Santiago das 7:45 as prazas son insuficientes polo que, segundo apuntan, xa hai rapazas e rapaces que se están a organizar para coller taxis para ir aos centros de ensino. Da mesma maneira, a liña Padrón-Milladoiro-Santiago das 8:00 chega habitualmente completa á última parada na que as persoas que agardan non poden subir ao autobús polo que reclaman un novo servizo. Tamén queda xente sen poder subir no autobús case todos os días na parada do Castiñeiriño na ruta das 15:00 que comunica Santiago con Teo.

O incumprimento de horarios, a falta de praza e a pouca frecuencia con Compostela son dúas das eivas da conexión con Vedra que obriga á veciñanza a buscar vías alternativas para chegar aos postos de traballo ou de estudo. Tamén o estudando de Oroso, que ten como centro de referencia un instituto de Santiago, ten problemas de acceso xa que o transporte de Monbús só chega á ponte de Sigüeiro. Quen viaxa de Ordes a Compostela no bus das 7.30 ten que padecer retrasos e, ás veces, mesmo ir nas escaleiras. En Negreira, son as persoas que queren ir a Santiago á primeira hora as que padecen a escaseza de prazas nunha ruta que se anulou a liña de mediodía que tiña unha alta demanda.

Os problemas co transporte escolar afectan tamén a Santiago de Compostela, en centros como o IES de Sar, no CEIP de Vite, no Lamas de Abade e no CEIP Arquitecto Casas Novoa.

Ao deficiente servizo entre os concellos da comarca e Compostela súmase a case nula conexión entre eles e así, Padrón demanda maior comunicación con concellos como Brión, Noia ou as poboacións de Cacheiras e Pontevea ademais de concellos como Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro ou Pontevedra e Vilagarcía. Ademais, reclaman que se comuniquen as dúas estacións de tren e a de autobús entre si e que non se esquezan as parroquias que teñen, nesta altura, servizos inexistentes. Desde Carcacía a Padrón neste momento só se dispón dun autobús ás 7:30 horas e outro de volta sobre as 12:00.

O BNG esixe a urxente mellora do servizo de transporte na comarca de Santiago