ORZAMENTOS
A Conta xeral revela “a nula capacidade de xestión do Goberno de Bugallo, que deixou sen gastar 80 de cada 100 euros que tiña para investimentos”
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, avanzou que a Conta xeral de 2021 que o Goberno de Bugallo presentará ao Pleno extraordinario deste xoves revela a “nula capacidade de xestión e o baixo nivel de execución”, posto que aínda hai medio millón de euros de facturas pendentes de pagar a pequenas e medianas empresas desde 2021, que están a afogar a economía local.
Esta conta mantén a liña doutros anos, tanto na presentación de grandes superávits como na incapacidade de executar os gastos comprometidos e no período medio de pago a provedores e mesmo empeora as cifras de anos anteriores, explicou. Así, o estado de execución do capítulo investimento está no 20,89%. “Isto é, de cada 100 euros que teñen comprometidos, 80 fican sen gastar”, explicou, “todo son promesas incumpridas, fume”.
O período medio de pago a provedores incumpriuse de xeito case permanente. A media foi de 39 días, e en ocasións chegaron a 75, moito máis dos 30 días que estabelece a lexislación.
Houbo un remanente de tesouraría de 23.231.476,17 euros, o que supón un incremento respecto do ano anterior dun 158%, un feito para o que o Goberno sinala como causa o peche real do exercicio a 31 de decembro, mais que indica tamén a falta de diálogo e relación fluída entre o Goberno e o persoal técnico, algo que lastra de maneira especial os servizos municipais.
“E podemos falar tamén do desastre que son no tema das concesións e servizos, con servizos en precario que xa viñan do mandato anterior e que presentaron con moita propaganda no plan de contratación de 2020 mais que ficou en case nada”, sinalou. “Porque aí temos o servizo de transporte, con numerosas peticións sen atender da veciñanza e un pésimo estado dos autobuses, ou a explotación das pistas de tenis e pádel de Sar, aínda en orde de continuidade”, engadiu.
Repercusións negativas na economía local
Este problema de xestión ten tamén repercusións económicas negativas na economía local. Mentres en 2021 a media dos concellos da provincia licitaron un 31,9% máis de obra pública no primeiro semestre de 2021 con respecto ao mesmo período de 2020, en Santiago diminuíra un 8,29%. Mais en 2022 as cifras son aínda peores, pois o concello da área de Santiago en que máis baixou a licitación de obra pública foi Santiago, onde fronte aos 5,5 millóns licitados no primeiro semestre de 2021, este ano a cifra baixou a 1.064.701 euros.
“A verdade é que cae a idea de que Xosé Sánchez Bugallo era un bo xestor”, advertiu, “cando el e o seu Goberno presentan unhas contas realmente pésimas para a veciñanza que reflicten a incapacidade de xestionar e de teren un proxecto totalmente esgotado para este concello”, advertiu.