ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín: “O BNG considera insuficientes e decepcionantes os Orzamentos do Estado para Santiago en 2023”

Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi
Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi

Os 11 millóns da previsión plurianual para a estación depuradora para 2023 redúcense a 6,4 millóns de euros “e iso dá boa conta da nula vontade de comprometerse con Santiago de Compostela”

Goretti Sanmartín: “O BNG considera insuficientes e decepcionantes os Orzamentos do Estado para Santiago en 2023”

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, considera totalmente “insuficientes e decepcionantes” os Orzamentos do Estado para a capital de Galiza en 2023.

Xa simplemente con ver ese compromiso plurianual para que a depuradora de Santiago tivese 11 millóns de euros pasa a 6,4 millóns en 2023, “o que supón practicamente a metade do previsto nesa planificación”. “Iso dá boa conta da nula vontade de comprometerse con Santiago de Compostela xa que esta obra non vai poder ser unha realidade inminente”, incidiu.

O mesmo acontece co Consorcio da Cidade de Santiago, nunha situación deficiente de recursos nestes momentos para poder apostar por revitalizar a Cidade histórica coa fixación de poboación e para o que se anunciara unha choiva de millóns. “Practicamente non consegue ningún incremento nestes orzamentos, cando desde o BNG reclamamos que debe percibir o dobre que recibe”, explicou.

“Tampouco aparecen o Xulgado de Violencia de Xénero, nin a estación de mercadorías da Sionlla, nin unha partida para novos usos da vella terminal de Lavacolla que leva anos infrautilizada nun emprazamento estratéxico, nin algo tan mínimo no Orzamento do Ministerio de Infraestruturas como a humanización da rotonda de Conxo, que precisa mellorar os accesos, maior seguranza viaria e reducir a contaminación acústica”, engadiu na listaxe de proxectos ausentes. Así, Goretti Sanmartín lembrou que estes compromisos formaron parte de declaracións institucionais e de propostas unánimes da Corporación de Santiago.

“Por tanto, desde o BNG pedímoslle a este Goberno do Estado que rectifique e que deixe de pensar en incrementos de gastos militares e pase a comprometerse nas infraestruturas e na posibilidade de novos plans de carácter social nestes momentos de crise”, concluíu.

 

 

Goretti Sanmartín: “O BNG considera insuficientes e decepcionantes os Orzamentos do Estado para Santiago en 2023”