MOBILIDADE

Goretti Sanmartín: “Recollemos a proposta da mocidade universitaria para que as liñas de bus urbano desde a estación intermodal funcionen tamén os domingos”

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

O BNG traslada unha iniciativa ao Pleno destinada a estender aos domingos as frecuencias de buses do rural ao centro e da estación de tren ás residencias de estudantes

Goretti Sanmartín: “Recollemos a proposta da mocidade universitaria para que as liñas de bus urbano desde a estación intermodal funcionen tamén os domingos”

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021.- O grupo municipal do BNG recolleu propostas da mocidade universitaria para mellorar a mobilidade e a seguranza peonil, entre as que figura a entrada en funcionamento os domingos da liña que sae das estacións de tren e de autobuses cara á zona de residencias de estudantes.

En concreto, explicou Goretti Sanmartín, trátase de atender a demanda existente en horario de tarde e de noite, até a chegada dos últimos trens e autobuses procedentes doutras vilas e cidades do país, para poder ir ás residencias universitarias coas súas equipaxes en transporte público. Así, é necesaria a circulación da liña 15 que une os campus norte e sur tamén os domingos de tarde-noite. Na actualidade, para iren desde a estación ao campus norte usan a liña 5 e as paradas que lles quedan máis preto están en República Arxentina.

“Nunha cidade universitaria como Santiago de Compostela, con milleiros de estudantes que van e veñen cada venres e domingo á estación intermodal, é necesario observar estes fluxos de demanda de transporte colectivo para reordenar as liñas e darlles facilidades para poderen chegar con comodidade e seguranza aos lugares onde viven”, indicou a portavoz municipal do BNG. “Neste sentido, é unha mellora loxística e de eficiencia, que non entraña un incremento elevado de gasto e pode favorecer o uso do transporte colectivo”, engadiu.

Conexión do rural co centro, tamén os domingos

Tamén é unha demanda xeral a necesidade de manter os domingos, cando menos, unha frecuencia de mañá e outra de tarde nas liñas de autobús que conectan os barrios co centro urbano, para que veciños e veciñas poidan desprazarse co fin de pasear pola alameda e pola Cidade histórica ou asistir ás actividades que se programan arredor desa contorna e non ficaren illadas pola interrupción de transporte público ese día da semana.

“Así, desde o BNG reclamaremos no Pleno que o Goberno local, a través de TUSSA, dispoña dunha liña de autobuses urbanos os domingos para atender o alumnado universitario que volve pola tarde-noite das estacións de tren e de autobuses e se dirixe ás residencias situadas nos campus coas súas equipaxes e, ademais, poña cando menos unha frecuencia de mañá desde os barrios ao centro urbano e outra de volta de tarde para que a xente poida achegarse ao centro da cidade tamén os domingos”, concluíu Goretti Sanmartín.

 

 

Goretti Sanmartín: “Recollemos a proposta da mocidade universitaria para que as liñas de bus urbano desde a estación intermodal funcionen tamén os domingos”