PLENO
Sae adiante a iniciativa do BNG para reclamar que se inclúa Santiago na rede ferroviaria de mercadorías que deseña o Goberno do Estado
A iniciativa, aprobada por todos os grupos municipais e apoiada polo Foro Cívico, vai destinada a favorecer o tecido industrial e empresarial compostelán e á creación da estación de mercadorías da Sionlla
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022.- O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha moción do BNG para que o Concello inste o Goberno do Estado a incluír Santiago de Compostela na rede ferroviaria de mercadorías que deseña o Goberno do Estado co fin de favorecer, entre outros, o tecido industrial e empresarial compostelán e á creación da estación de mercadorías da Sionlla. De feito, previamente ao Pleno a portavoz municipal Goretti Sanmartín, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantiveron un encontro con representantes da Cámara de Comercio e do Polígono do Tambre, integrados no Foro Cívico, que apoiaron o impulso desta iniciativa.
Así, no Pleno acordouse que Concello de Santiago inste o Goberno do Estado a incluír a capital de Galiza dentro das previsións de desenvolvemento das autovías ferroviarias, para garantir a conectividade do transporte de mercadorías ferroviario e a intermodalidade, ademais da creación da estación de mercadorías da Sionlla. Ademais, o Concello de Santiago de Compostela instará o Goberno do Estado a apostar polo desenvolvemento da Rede Ten-T en Galiza e a conexión nas autovías ferroviarias executando o máis axiña posíbel de forma completa os 275 millóns de euros comprometidos nos Orzamentos do Estado para 2022 con esta finalidade.
Outro dos puntos da iniciativa foi destinado a que o Concello de Santiago de Compostela inste o Goberno do Estado a priorizar a conexión ferroviaria, tamén de mercadorías, entre Galiza e Portugal. Tamén se aprobou instar o Goberno do Estado a retirar, sobre todo mentres non se desenvolva unha adecuada rede de transporte ferroviario tanto de mercadorías como de viaxeiros/as, a implantación da obrigatoriedade de pago nas autovías de titularidade estatal, que suporía unha grave discriminación para as empresas compostelás e galegas.